A ÁREA SANITARIA DE SANTIAGO E BARBANZA CELEBRA O DÍA DO ICTUS COLABORANDO NA VISIBILIZACIÓN DOS SÍNTOMAS E DOS FACTORES DE RISCO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 10 2021

Santiago, 29 de outubro de 2021.- Hoxe celébrase o Día Mundial do Ictus e como cada ano a Área Sanitaria de Santiago e Barbanza quere sumarse a este chamamento para dar visibilidade a esta enfermidade e colaborar na divulgación da súa importancia, tratamento, síntomas e factores de risco. O ictus é a primeira causa de morte nas mulleres.

 
Así, a xerente da área sanitaria compostelá Eloína Núñez, a subdirectora de calidade asistencial, humanización e atención á cidadanía, Beatriz Pais, e o xefe de servizo de Neuroloxía José María Prieto, visitaron a mesa informativa que a asociación de Dano Cerebral Sarela instalou na entrada do Hospital Clínico para informar aos usuarios.
 
O Hospital Clínico de Santiago de Compostela conta desde este ano cunha nova Unidade de Hospitalización de Ictus, que permite unha monitorización e seguimento constante dos doentes tras un ictus. Supuxo un investimento conxunto de 450.000 euros para obra e equipamento o que permitiu a creación dun espazo común cun control de enfermería para a vixilancia permanente. Conta coa máis moderna tecnoloxía e está dotada con 6 camas. Ingresa un promedio de 45 doentes ao mes cunha estadía media de 3 días.
 
No que levamos de ano 2021 ingresaron 560 doentes con ictus, cunha media de idade de 72,3 anos, o 44% eran mulleres. O tratamento do ictus require de persoal especializado e adestrado. Os doentes con ictus isquémico e que acoden aos servizos de urxencias nas primeiras catro horas e media tralos primeiros síntomas poden beneficiarse dos tratamentos máis eficaces e específicos para esta doenza. Así, unha das técnicas complexas que están revelando gran eficacia nestes casos seleccionados é a revascularización endovascular. En Santiago practicáronse neste período 97 fibrinólise intravenosas (rtPA) (e 82 técnicas de revascularización endovascular (trombectomía mecánica). A 34 dentes practicóuselles un tratamento combinado de ambas técnicas.
 
Existen diferentes técnicas de revascularización endovascular que inclúen a trombectomía mecánica (disrupción e/ou extracción do trombo mediante o emprego de diferentes dispositivos) e técnicas combinadas (administración de fibrinolíticos en veciñanza do trombo). Todas elas poden asociarse como técnicas de rescate tras a fibrinolise intravenosa, conseguindo maiores taxas de recanalización arterial, o que mellora a recuperación funcional dos pacientes.
 
Segundo destaca José María Prieto, xefe do Servizo de Neuroloxía da área sanitaria compostelá, “é  a segunda causa de discapacidade en adultos e diminúe tanto a esperanza de vida como a calidade de vida, tanto dos doentes como dos familiares ou coidadores”. En Galicia hai un ictus cada 6 minutos (6.000/ano) e pola súa causa hai 800 falecidos ao ano, o 80% son maiores de 65 anos. En canto á evolución do número de casos o doutor Prieto subliña que “no últimos dez anos incrementouse e para os próximos anos espérase unha nova subida próxima ao 20%. Nos últimos anos coa fibrinólise e a trombectomía conseguiuse salvar a vida e minimizar as consecuencias do dano cerebral: reduciuse a mortalidade un 23% e a dependencia un 27%”.
 
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss