NOVE INTERVENCIÓNS FERROLÁS NO CONGRESO NACIONAL DE CARDIOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 10 2021

​Os e as profesionais do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participan activamente no Congreso da Sociedade Española de Cardioloxía, que se está a celebrar en Zaragoza entre os días 28 e 30 de outubro, co lema En el corazón del paciente. Os profesionais da Área ferrolá presentan nove traballos de moi distintos temas, tanto do ámbito facultativo como da Enfermaría, tanto en formato comunicación oral como tipo póster, e abordando distintas cuestións tanto máis clínicas e asistenciais, como tamén de educación do paciente e de organización.

 
Así, participaron nunha controversia sobre o tratamento da Insuficiencia Cardíaca con Función ventricular preservada, que é unha forma de insuficiencia cardíaca cada vez con máis prevaleza, xa que, a día de hoxe, supón o 50% dos casos de insuficiencia cardíaca, cun elevado índice de hospitalizacións e mortalidade. A aparición de novos fármacos para esta entidade e a necesidade de facer unha medicina de precisión ou individualizada foron dous aspectos sobre os que xiraron as presentacións. O Infarto agudo de miocardio sen lesións coronarias obstrutivas (MINOCA) foi tamén protagonista tanto da comunicación orais como as tipo póster. Os pacientes que sofren un MINOCA aínda que teñen mellor prognóstico que os pacientes con enfermidade coronaria, hai estudios nos que a mortalidade supera o 15% a medio prazo, polo que é de gran importancia consideralo sempre un diagnóstico de traballo e buscar a causa subxacente, así como os factores asociados que poden favorecer a súa aparición.

 
Xunto con isto, inclúen as súas achegas sobre a "importancia da educación sanitaria en pacientes cardiópatas hospitalizados” e sobre os recursos web como ferramenta para o consello cardiovascular. A formación continuada en cardioloxía para o persoal de Enfermaría tamén esta presente no encontro nacional. O Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Ferrol levaba nos pasados meses o seguimento de marcapasos ás residencias sociosanitarias, para achegar a atención a estes pacientes e evitarlles desprazamentos ó centro hospitalario, e esta experiencia tamén é amosada no encontro de Zaragoza, xunto coa reflexión sobre a utilidade dos estudos serolóxicos ante a sospeita de miocardite aguda. Por último, participan xunto con outros hospitais de España nun rexistro nacional no que se avalía como se afrontou o diagnóstico e seguimento do paciente con Fibrilación Auricular durante a pandemia COVID-19, tanto a nivel ambulatorio como hospitalario.

A responsable do Servizo de Cardioloxía, Raquel Marzoa Rivas, destaca dende Zaragoza que este tipo de encontros favorecen a formación, a investigación e permite "estreitar lazos con outros centros nacionais para formar parte de grupos de traballo e proxectos que nos permitan progresar e ofrecer os nosos pacientes unha asistencia de máximo nivel”. E engade que "non debemos esquecer que a enfermidade cardiovascular continúa sendo a principal causa de mortalidade e queda moito traballo por facer. É indubidable que o avance de técnicas e tratamentos permitirá mellorar a calidade de vida dos nosos pacientes e aumentar a súa supervivencia. En todo caso, hai que ter sempre en mente que a prevención é o prioritario. Previr sempre é mellor que tratar”.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde