O CENTRO DE VIGO DE STELLANTIS SUPERA AS 69.OOO DOAZÓNS DE SANGUE ACUMULADAS DENDE O ANO 1995
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 11 2021

​A cuarta campaña de doazón de sangue que este ano desenvolveu a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nas instalacións de Vigo do Grupo Stellantis, e que tivo lugar os días 19, 20, 21 e 28 de outubro, rematou cun magnífico  resultado de 734 traballadores e traballadoras que acudiron a participar na campaña, realizando 648 doazóns, o  que supón ter acadado unha cifra récord  con 69.472 desde o ano 1995.

No transcurso do presente ano, ADOS ten realizado catro campañas de doazón no Centro de Vigo do Grupo Stellantis, acumulando un total de 2.862 doazóns anuais. Neste senso, a Axencia quere poñer en valor a contribución dun dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, dende sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón tanto de sangue como de órganos.
 
Traxectoria solidaria
Hai 26 anos, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade, e que, actualmente, consolidan a esta compañía como un referente no ámbito estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.
 

Subliñar que, grazas á colaboración dos profesionais da empresa viguesa que doaron sangue nesta cuarta campaña promovida por ADOS, poderán realizarse máis de 310 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 120 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS quere resaltar a implicación e compromiso do Centro de Vigo do Grupo Stellantis co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, especialmente ao longo dos últimos meses coincidindo coa pandemia derivada da covid, circunstancia que pon de manifesto, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta empresa a prol do solidario xesto da doazón de sangue. Esta longa traxectoria de colaboración ten permitido que, ao longo dos últimos 26 anos, a factoría viguesa sobrepase as 69.000 doazóns acumuladas, o que a sitúan como referente social de primeira orde no ámbito do altruísmo.
 
Así mesmo, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue agradece o seu compromiso e colaboración á dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue, especialmente neste momento no que a conxuntura económica e sanitaria a nivel mundial están afectando notablemente o axeitado desenvolvemento da actividade do tecido empresarial e industrial.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss