A CAMPAÑA DA GRIPE DO 2021 PON Á DISPOSICIÓN DE TODOS OS MAIORES DE GALICIA A MÁXIMA PROTECCIÓN ANTE ESTE VIRUS ESTACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 11 2021
 

A Xunta de Galicia, a través da campaña da gripe, pon á disposición de todos os maiores de Galicia a máxima protección ante este virus. A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, presentaron a iniciativa na residencia de maiores pública autonómica de Oleiros.

Fabiola García salientou que a vacina é o método máis eficaz de previr contaxios e salvar vidas, e destacou que “o 2021 pasará á historia polas imaxes nos puntos de vacinación de toda Galicia”. Nas residencias galegas vacinarase contra a gripe a todos os usuarios e tamén aos traballadores, o que supón que se inoculará a vacina a arredor de 21.000 maiores e aos aproximadamente 18.000 profesionais que se encargan de coidalos.
 

A conselleira insistiu en que a vacinación é a mellor garantía para previr contaxios e salvar vidas, como xa se demostrou fronte á covid. Neste sentido, apuntou que coa vacina da gripe “protexémonos a nós e a quen nos rodea”, ademais de salientar que ten demostrada a súa efectividade e seguridade, ao igual que a vacina da covid-19.

Pola súa banda, o titular do departamento sanitario da Xunta destacou que desde o pasado 25 de outubro, data na que comezou a campaña de vacinación, “máis de 8.000 persoas usuarias dos centros sociosanitarios xa se vacinaron contra a gripe”. Neste senso, apuntou que o Executivo galego fixou como obxectivo para a presente campaña antigripal acadar unha adherencia á vacinación  do 75%, entre a poboación galega maior de 65 anos.

Así mesmo, García Comesaña informou de que a administración das terceiras doses contra a covid entre as persoas institucionalizadas xa se completou, remarcando que garantir a correcta cobertura das persoas máis vulnerables “segue a ser un obxectivo prioritario para a Xunta Galicia”.

Unha campaña de vacinación secuencial

Desde o pasado día 25 de outubro, e ata o vindeiro mes de decembro, a Xunta de Galicia habilitou máis de 900 puntos de vacinación para combater os efectos da gripe. O Goberno galego adquiriu para a actual campaña da gripe un total  885.800 doses, cun investimento de 5.259.157 euros.
 

Desde esa data, estase a vacinar á poboación de 65 ou máis anos, ademais dos usuarios das residencias de maiores e discapacitados, e aos traballadores destas institucións.

O vindeiro 15 de novembro, comezará a vacinación das persoas de 60 a 64 anos, persoas menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio; prematuros de 6 meses a 2 anos; persoal de servizos esenciais; persoal de exposición laboral; e, ademais, o persoal das oficinas de farmacia.

Ademais, desde o 29 de novembro vacinarase ao resto da poboación diana e aos conviventes de persoas de risco.
 
A Consellería de Sanidade lembra que as persoas que pertenzan á poboación diana da gripe, e teñan menos de 80 anos, poderán solicitar a súa cita de vacinación a través da web e as aplicación do Sergas; no seu centro de saúde, ou mediante unha chamada telefónica.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss