MÁIS DE 1.000 ALUMNOS BENEFICIARANSE DO ACORDO ASINADO ENTRE SANIDADE E A USC PARA A REALIZACIÓN DE PRÁCTICAS DE GRAO E MESTRADOS EN CENTROS DO SERGAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 11 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron hoxe un convenio de colaboración educativa entre a Consellería de Sanidade, o Sergas, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), e a Universidade de Santiago de Compostela, no que se establecen a forma e condicións de cooperación para a adecuada planificación, desenvolvemento e avaliación das prácticas en alumnos de grao e mestrados, a través das que os estudantes poidan complementar a súa formación teórica coa realización de ditas prácticas en centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde ou en unidades administrativas tanto do Sergas como da Consellería de Sanidade. Da sinatura deste convenio poderán beneficiarse máis de 1.000 alumnos.

Por primeira vez, Xunta e Universidade tramitan un convenio conxunto que da cobertura ao alumnado de case unha trintena de diferentes titulacións, tanto do eido sanitario como do non sanitario, e que ata o de agora rexíanse por cadanseu convenio.

As titulacións incluídas neste convenio son Farmacia; Nutrición Humana e Dietética; Óptica e Optometría; Pedagoxía; Psicoloxía; Veterinaria; e os mestrados en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados; Psicoloxía Xeral Sanitaria; Psicoxerontoloxía; Saúde Pública; Investigación Química e Química Industrial. O convenio dá cobertura tamén ás prácticas dentro do Sergas de alumnado de titulacións como as de Administración e Dirección de Empresas; Bioloxía, Bioquímica; Biotecnoloxía; Ciencias Políticas e da Administración; Economía; Enxeñería Informática; Enxeñería Química; Física; Historía; Historia da Arte; Matemáticas; Química; Relacións Laborais e Recursos Humanos; e Xeografía e Ordenación do Territorio. Finalmente, tamén é de aplicación o convenio nas prácticas en período non lectivo dos alumnos de Medicina, Odontoloxía e Enfermería.

Non se aplica, sen embargo, ás prácticas curriculares de Medicina, Odontoloxía e Enfermería, que continuarán a rexerse polo concerto entre a USC e o Sergas para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias, do que se benefician outros 1.900 alumnos.

No acto de hoxe tamén estivo presente o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss