SANIDADE PORÁ EN MARCHA UN PROGRAMA PILOTO PARA FOMENTAR OS ESTILOS DE VIDA SAUDABLES NO EIDO LABORAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
08 11 2021

A Dirección Xeral de Saúde Pública porá en marcha, no edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, un proxecto piloto que ten por obxecto fomentar os hábitos de vida saudable dentro do ámbito laboral.
 
O novo programa establece unha serie de políticas e actividades a desenvolver polo persoal da Consellería no seu centro de traballo. Estas accións defínense co ánimo de incrementar o control sobre a saúde persoal, ademais de favorecer a produtividade e a competitividade das empresas.
 
A iniciativa susténtase en catro grandes piares. En primeiro lugar, a mellora dos hábitos alimentarios mediante o consumo de froita fresca no almorzo. Unha alternativa que fomenta o desenvolvemento de habilidades e responsabilidades vencelladas á xestión da saúde, o autocoidado e o desenvolvemento persoal.
 
Ademais, e de xeito complementario, establécese unha liña de traballo paralela a través da intervención da oferta alimentaria coa que conta o edificio Administrativo. Neste senso, pretendese acadar unha diminución do contido de alimentos e bebidas ricos en ácidos graxos saturados, ácidos graxos trans, sal e azucres. Sobre este particular, incidiuse na oferta das máquinas de vending, emprazadas nos edificios públicos da Xunta de Galicia.
 
O segundo grande apartado do programa é ‘Chanzo a Chanzo coida a túa saúde’. Unha iniciativa consistente na sinalización do edificio, nos puntos de toma de decisións (ascensores, escaleiras e corredores). Esta realizarase mediante carteis adhesivos moi vistosos con diferentes mensaxes que animan a tomar as decisións máis activas e, polo tanto, mais saudables en cada momento. A acción xa está implantada en varios edificios da rede sanitaria do Sergas.
 
En terceiro lugar, desenvolveranse ‘Pausas activas’, co obxectivo de ofertar a realización de descansos activos.
 
Por último, impulsaranse as ‘Reunións en ruta’. Unha acción que consiste en establecer rutas interiores e exteriores de 20-30 minutos de duración, para a realización das reunións de 2 ou 3 persoas camiñando,e que substituirán as reunións sedentarias.
 
O edificio administrativo da Consellería de Sanidade contará cun total de 5 percorridos diferentes: dous percorridos no seu interior, e tres percorridos polas inmediacións do edificio. Estes percorridos estarán sinalizados e poderanse reservar na aplicación de reserva de salas de reunións.
 
A Consellería de Sanidade convertese así nun referente de empresa promotora de saúde dentro do eido laboral. Ademais, o desenvolvemento do programa no departamento sanitario da Xunta servirá para avaliar a posible extensión do programa ao resto de administracións públicas, e mesmo ás empresas privadas.
 
Prevención da obesidade desde o ámbito laboral
No marco do Plan de acción mundial para a prevención e control das enfermidades non transmisibles, que promove a Organización Mundial da Saúde, a Dirección Xeral de Saúde Pública está a desenvolver o Plan Integral de Prevención da Obesidade na poboación galega. Así, un dos eixos principais deste plan é a intervención no ámbito laboral.
 
Na actualidade, a obesidade está considerada como unha enfermidade crónica con alta prevalencia e que conta cun forte compoñente social, de estilo de vida e de hábitos alimentarios. Por outra banda, a promoción da saúde no ámbito laboral contribúe a reducir a carga das enfermidades relacionadas co traballo, reducir o absentismo e aumentar a produtividade.
 
Para a promoción de hábitos de vida saudables no ámbito laboral é preciso proporcionar alternativas sas co fin de converter a contorna obesoxénica, nunha contorna promotora de saúde que facilite a redución do sedentarismo, favoreza o consumo de alimentos cun perfil nutricional saudable e, en consecuencia, diminúa a carga de enfermidades non transmisibles.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss