A XUNTA ABORDARÁ CO CONCELLO DE CARBALLO A POSTA EN MARCHA DUN CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 11 2021

​A Xunta de Galicia ten tomado a iniciativa para activar o proxecto de reforma e ampliación do centro de saúde de Carballo para a súa transformación nun novo Centro Integral de Saúde, tal e como  está contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta hai dúas semanas.

Así, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de remitir unha carta ao alcalde, Evencio Ferrero, na que solicita a súa colaboración na busca das solucións  axeitadas para incrementar en 1.820 m2 a edificabilidade da parcela do actual centro de saúde. Nese sentido, o conselleiro ofreceulle ao representante municipal a colaboración do persoal técnico dos servizos de obras do Sergas para axudar na avaliación daquelas propostas que o concello considere e determinar se cumpren ou non coas necesidades requiridas desde o punto de vista técnico.
 
En resposta a esta comunicación, o Concello de Carballo solicitou unha entrevista entre alcalde e conselleiro para abordar este asunto, á que o conselleiro ten accedido, co compromiso de concretar lugar e data nos vindeiros días.
 

Na misiva, a Xunta de Galicia achega tamén o contido íntegro do Plan, no que están detalladas as necesidades obxectivas que motivaron a priorización dos proxectos finalmente elixidos, así como a proposta de plan funcional deseñada para a futura infraestrutura coa que o Goberno galego quere mellorar o servizo sanitario no concello.

Así, no caso de Carballo, o documento estratéxico recolle un plan funcional que prevé non só o incremento das consultas de adultos, pediatría, docencia, saúde mental ou PAC, senón, tamén, ampliar a área de fisioterapia, mellorar a funcionalidade da de radioloxía, crear unha área integral da muller con consulta de rehabilitación do solo pélvico, albergar consultas especializadas de reumatoloxía, oftalmoloxía ou cirurxía xeral e dixestiva e, de xeito especialmente sinalado pola necesidade de espazo que leva aparellada, a creación dunha área integral de hemodiálise con 25 postos, que evitará desprazamentos de pacientes ao hospital.

Asemade, o conselleiro destaca na carta que o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022 contempla, dentro da partida de 4,2 millóns de euros destinada a reformas e melloras de centros de saúde, unha reserva de 600.000 euros para licitar o proxecto e iniciar a obra desta ampliación e transformación en CIS do centro carballés.
 
En consecuencia, conclúe a carta, a pronta achega por parte do concello dunha solución axeitada axilizaría o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra, posibilitando a execución desta partida orzamentaria.
 
Plan de Infraestruturas de Atención Primaria
O Consello da Xunta de Galicia aprobou, hai dúas semanas, un Plan de Infraestruturas sanitarias de Atención Primaria, que contempla a posta en marcha de 37 centros de saúde e a ampliación ou reformas noutros 14 xa existentes.
 
Para a elaboración desta planificación contouse co coñecemento existente nas estruturas das áreas sanitarias, que repasaron a situación das infraestruturas da súa contorna para avaliar as maiores necesidades. Os criterios fundamentais que se tiveron en conta para establecer a priorización destas futuras actuacións foron tanto técnicos como asistenciais, valorando circunstancias como a antigüidade dos actuais centros ou o seu estado de conservación, así como as carencias funcionais e operativas que as áreas atopan neles para adaptalos ás necesidades actuais de asistencia sanitaria.
 
En particular, a colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do seu Instituto de Estudos do Territorio, serviu para elaborar un mapa de isocronas para detectar as áreas de maior poboación máis afastadas dun centro hospitalario e, por tanto, candidatas á instalación dun Centro Integral de Saúde, traballo que identificou a comarca do Deza (na que xa está en execución este centro), xunto coas de Morrazo, Baixo Miño e Bergantiños, para as que este Plan ofrece alternativas. Nomeadamente, en Bergantiños, a través desta proposta de ampliación en 1.820 m2 do actual centro de saúde de Carballo e da dotación de novas áreas para completar así a súa transformación en Centro Integral de Saúde.
 

A elaboración deste Plan aliñase coa estratexia de transformación que a Xunta está a desenvolver na atención primaria a través do documento estratéxico “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”. Así, o Executivo galego está a apostar pola potenciación da atención multidisciplinar, do traballo en equipo, e o desenvolvemento en plenitude das competencias de cada categoría profesional implicada neste nivel asistencial, cunha vocación de impulso á saúde comunitaria.

Investimento desde 2009

Co remate en outubro deste ano da obra de construción do centro de saúde de Bouzas (Vigo), e das obras de reforma dos centros de saúde de Mugardos e Bertamiráns (Ames), conclúe un período desde 2009, no que a Xunta de Galicia ten construído ou reformado un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados.
 
O Goberno galego ten neste momento dúas infraestruturas de atención primaria en proceso de construción (CIS de Lugo e CIS de Lalín),  tres reformas en disposición de comezar antes de que remate este ano (ampliación do centro de saúde de Porriño e reformas dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia) e 17 reformas en centros de saúde de titularidade municipal en execución en colaboración coas administracións locais trala sinatura este ano de convenios cos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Palas de Rei, Bergondo, Fornelos de Montes, Campo Lameiro, Valdoviño, Monfero, Amoeiro, Rodeiro, Beariz, Vilardevós, Baltar, Maside, Friol, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.
 
En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, preto de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. A partires deste ano, o novo Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria servirá a xeito de plan director para o novo ciclo de investimento futuro nesta rede de centros, deseñando así unha folla de ruta que centre as prioridades de actuación a curto e medio prazo.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss