XORNADAS DE ENFERMIDADE INFLAMATORIA INTESTINAL EN FERROL CON MÁIS DE 250 PARTICIPANTES DE TODA ESPAÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 11 2021

​As novenas Xornadas Monográficas de Actualización da Enfermidade Inflamatoria Intestinal de EIGA (a Asociación Galega de Investigación en Enfermidade Inflamatoria Intestinal) celébranse esta tarde de xoves e mañá venres en Afundación na praza da Constitución, no Concello de Ferrol, e reúnen a máis de 250 expertos de toda España en torno a esta enfermidade en modalidade tanto presencial como a distancia. Profesionais desta Área coordinan moitas das actividades que se desenvolven neste encontro.

 
A Enfermidade Inflamatoria Intestinal é unha enfermidade de etioloxía autoinmune do aparato dixestivo, que integra principalmente a enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa. Pode afectar a calquera parte do tracto dixestivo con un amplo potencial de complicacións ó longo do seu curso. Esta patoloxía pode afectar a persoas dende moi novas, e as converte en enfermos crónicos que teñen que acudir en diversas ocasións ós centros sanitarios. E, ademais, pode ter manifestacións extraintestinais, como problemas de pel ou articulares, entre outras moitas, o que implica unha necesaria interrelación con outras especialidade médicas e cirúrxicas. Lembrar que a Área Sanitaria de Ferrol conta cunha das primeiras Unidades de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de España e ten sido recoñecida amplamente ó longo dos anos.

 
Unha longa traxectoria con profesioanis recoñecidos
A base da Unidade foi a creación, no ano 2000, dunha primeira consulta monográfica de atención especializada na que se foron integrando tódolos pacientes con esta enfermidade da área. Actualmente, contrólanse uns 1.400 pacientes. Os profesionais da consulta, médicos e enfermeiras, fóronse especializando, integrouse a endoscopia, e se foi instaurando a consulta telefónica, constituíndose, no ano 2007, a Unidade de Atención Integral. No ano 2009, comezan a colaborar distintas especialidades, inicialmente con Radioloxía, o que permitiu incorporar probas de grande valor para o manexo destes pacientes. Posteriormente, comezaron a colaborar especialistas de cirurxía, pediatría e anatomía patolóxica. No ano 2013, fórmase o Comité con reunións periódicas dos distintos profesionais para a decisión consensuada da mellor estratexia médico cirúrxica, con certificación recente para o tratamento con células nai das fístulas na enfermidade de Crohn.

 
A actual Unidade Multidisciplinar abrangue de xeito integral todo o proceso relacionado con esta enfermidade, dende o diagnóstico ó tratamento e seguimento da enfermidade. Ofrece unha atención individualizada, especializada e accesible, completando a atención sanitaria tradicional cun sistema diferenciado de xestión e atención telemática con participación do paciente. Neste senso, destaca o desenvolvemento na Unidade da aplicación web educainflamatoria.com, actualmente constituída como a web educativa para pacientes de referencia nacional.

 
A Unidade de Enfermidade inflamatoria intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario de Ferrol amosaba unha vez máis hai uns meses, en xullo deste mesmo ano, a súa alta consideración no eido da calidade, e conseguía novamente a certificación, no grao de excelencia, a nivel nacional, tralo seu proceso de control para a recertificación ese mes. Recibía a certificación de calidade por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (GETECCU), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal. Lembrar que esta Unidade de Dixestivo do CHUF era a primeira unidade galega certificada a nivel nacional, e co maior grao de excelencia, e era a primeira en se recertificar novamente mantendo ese nivel de excelencia.

 
Precisamente un dos aspectos destacados para recibir esta certificación é o carácter interdisciplinar da Unidade, que conta cun Comité dende o ano 2013, onde se consensúan os distintos casos. Como indican nas conclusións da recertificación, os puntos fortes son que "é unha unidade completa e innovadora que está constantemente desenvolvendo novos proxectos que poidan cubrir as necesidades dos pacientes, con emprego das novas tecnoloxías e alto enfoque de mellora continua; implicación dos profesionais e visión cara á excelencia con circuítos claramente identificados e operativos; e que conta cun comité interdisciplinar que inclúe a presenza de radioloxía, cirurxía e anatomía patolóxica”.

 
Algúns dos aspectos que se valoran, por exemplo, é que conte con enfermaría propia; a relación con distintos departamentos doutras especialidades, como Dermatoloxía, Reumatoloxía, Urxencias ou os centros de saúde; que desenvolva actividades investigadora e formativa propias; e a accesibilidade. Como xa se dixo en moitas ocasións ó facer referencia a esta Unidade, os pacientes contan con ferramentas de atención directa no ámbito externo á propia consulta.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss