INÍCIANSE AS OBRAS DE REFORMA NO CENTRO DE SAÚDE DE VALDOVIÑO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 11 2021

​Inícianse as obras de mellora no centro de saúde de Valdoviño. Responsables das direccións de Atención Primaria e de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol reuníanse no centro de saúde este mañá co alcalde desta localidade, Alberto González Fernández, para abordar as distintas actuacións de cara a convivencia da asistencia sanitaria coas obras de mellora que comenzarán nos vindeiros días neste centro.

 
Estas obras son o resultado cun convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, no que se establecían as bases para o financiamento conxunto destas obras. Finalmente, como indicaba o alcalde esta mañá na sinatura da acta de replanteo, esta obra foi adxudicada por un importe de 250.000 euros. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Valdoviño contarán, a partir do vindeiro ano, cunhas instalacións e máis confortables e accesibles. O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.427 tarxetas sanitarias, das que 473 son de pediatría.

 
Como xa figuraba no convenio, as obras previstas consisten nunha importante reforma da fachada, que se limpará con auga a presión, eliminaranse todos os materiais soltos ou mal adheridos, e colocaranse viseiras ou parasois nos ocos das ventás. Tamén se reformará a carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica, boa estanquidade e vidros de seguridade no andar baixo. Con esta actuación, búscase, ademais de corrixir as deficiencias detectadas, mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética do centro.

 
Ademais, incluíuse a construción dunha  nova cuberta no acceso procurando unha mellor resposta ás inclemencias do tempo, e mellorarase o acceso de emerxencia adaptándoo para persoas con mobilidade reducida, e estas últimas accións son financiadas polo propio Concello.

 
Máis obras anteriores neste mesmo centro
O Concello e o Sergas xa colaboraron para acometer reformas interiores importantes. Así, estas intervencións veñen a se sumar ás realizadas durante os últimos anos neste centro como a reorganización dos espazos do segundo andar, que permitiu a reforma e ampliación da consulta para a matrona, cunha nova sala para educación maternal (que non existía); unha consulta e unha sala de estar para os profesionais, e unha sala de extraccións. Ademais, no exterior, acometéronse actuacións sobre a cuberta para evitar humidades e, tamén, unha mellora da zona de entrada para dar solución ós problemas de accesibilidade dende a beirarrúa.

 
Plan de Infraestruturas Sanitarias

Lembrar que a Xunta de Galicia daba conta hai uns días do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que implica grandes obras como a reforma e ampliación do centro de saúde de Cedeira; e a creación de dous novos centos de saúde, un no Concello de Fene, e outro na zona de San Xoán, no Concello de Ferrol. Só nos últimos cinco anos, incorporábanse para emprego da poboación da Área Sanitaria de Ferrol un total de catro centros totalmente novos: As Somozas (2016), A Capela (2017), Ares (2018), e o de Narón, sobre o que non se deixou de actuar nos meses de pandemia, e se puña en marcha neste primeiro semestre do presente ano 2021. Ademais, fixéronse obras de melloras ou ampliación de magnitude en Cedeira, Cabanas, Mugardos, As Pontes e as mencionadas de Valdoviño. Todo supón máis de 10 millóns de euros só nos últimos cinco anos en estas grandes intervencións.
 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss