O CONSELLEIRO DE SANIDADE VISITA A UNIDADE DE NEONATOLOXÍA DO MATERNO INFANTIL DESTACANDO O PROCESO DE HUMANIZACIÓN DE ESPAZOS COMO UN FACTOR TERAPÉUTICO MÁIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 11 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe a Unidade de Neonatoloxía do Hospital Materno Infantil “Teresa Herrera”, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para dar conta do remate das obras de reforma desta unidade, consistentes en suprimir aquelas barreiras arquitectónicas aínda existentes para gañar en eficiencia e en comodidade, e que supuxeron un investimento de 67.000 euros. A visita enmárcase na semana na que se conmemora o Día mundial do neno prematuro.

Entre as actuacións desta reforma están a eliminación das paredes e paneis que dividían as áreas de coidados mínimos e intermedios e a supresión do corredor perimetral. Así mesmo, renovouse o chan, o teito, a pintura, os controis de enfermería e toda a iluminación. Xunto ao anterior, mellorouse a ventilación, que se individualizou por áreas.

Tal e como remarcou o conselleiro, grazas a esta reforma dótase de luz natural directa a todos os espazos e faise un mellor aproveitamento da unidade, o que posibilitou crear dúas habitacións nai-fillo e dous boxes de illados. Ademais, acondicionáronse áreas de descanso para os pais.

Segundo explicou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “estas melloras proporcionan un entorno de traballo cunha arquitectura amigable para o desenvolvemento das tarefas e facilítase a integración de toda a familia, primando, en toda a reforma, o aspecto da humanización, e facendo deste lugar unha contorna o máis familiar posible, xa que espazos así repercuten en mellores resultados clínicos e en menores niveis de estrés para os pais”.

Tamén destacou García Comesaña que a ilustración das paredes, grazas á implicación da Fundación María José Jove, contribúe, precisamente, a que, dende o punto de vista visual, sexa un lugar máis amable.

Tratase da quinta intervención artística que a Fundación María José Jove, leva a cabo no Materno, ás que hai que engadir actuacións de ambientación e humanización no hospital de día pediátrico, no servizo de urxencias pediátricas, na UCI pediátrica e na unidade de lactantes e o servizo de pediatría. En definitiva, -dixo o conselleiro-, 15 anos qu esta Fundación leva contribuíndo a mellorar a calidade dos servizos, a asistencia e a estadía dos nenos hospitalizados. García Comesaña deulles as grazas “polo seu compromiso constante co hospital coruñés, cos seus profesionais e cos seus pacientes”.

A humanización nos espazos dos hospitais, -proseguiu o conselleiro-, “é un factor terapéutico máis, xa que axuda a reducir os niveis de tensión provocados por esa hospitalización prorrogada”.

 Melloras no Materno

Esta remodelación da Unidade de Neonatoloxía súmase, -dixo García Comesaña-, a outras melloras realizadas no Hospital Materno Infantil “Teresa Herrera” nos últimos anos, como a reestruturación das urxencias, grazas a un investimento de 1,6 millóns de euros, ampliando a súa superficie ata os 1.300 metros cadrados; ou as novas áreas de hospitalización de oncopediatría e de rehabilitación cardiovascular pediátrica, impulsadas pola Fundación María José Jove.

Tamén destacou o conselleiro, ademais da reforma nas habitacións de obstetricia, os novos dormitorios para os médicos de garda, a área de formación para reanimación cardiopulmonar, ou o box covid na área de espertar.

Para rematar o acto, o conselleiro agradeceu persoalmente o labor dos profesionais da unidade, así como a súa valía persoal. Tamén agradeceu a colaboración e asesoramento da Asociación galega de familias de nenos prematuros.

No acto estiveron presentes, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, o xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Luis Verde Remeseiro; Felipa Jove, presidenta da Fundación María José Jove; o xefe do Servizo de Pediatría, Jerónimo Pardo, e representantes da Asociación galega de familias de nenos prematuros.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss