A SANIDADE PÚBLICA GALEGA DESTÁCASE COMO UN DOS MELLORES SERVIZOS SANITARIOS DE TODA ESPAÑA TRAS RECIBIR 9 PREMIOS BEST IN CLASS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
16 11 2021

 

 
A Sanidade Pública Galega segue a ser recoñecida como un dos mellores servizos sanitarios de toda España tras ser galardoada con 9 premios Best in Class, nos que se distinguen os centros hospitalarios e de saúde de todo o territorio nacional, de acordo ao desempeño do seu labor asistencial en relación coa atención dos pacientes.
 
Durante a cerimonia de entrega da XVI edición do Premios Best in Class, celebrada esta tarde en Santiago de Compostela, o Servizo Galego de Saúde resultou finalista en 27 das 38 categorías coas que conta o certame.
 
Neste sentido, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña recibiu, por terceiro ano consecutivo, o galardón que o distingue como o mellor Centro hospitalario de Complexidade Alta. Ademais, a súa unidade da Dor, o servizo de Nefroloxía e a área de Neurociencias do CHUAC tamén resultaron premiadas nas súas respectivas categorías.
 
Pola súa banda, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela foron distinguidos os seus servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública; a Unidade de dor irruptiva do Servizo de Oncoloxía; a área de Neuroloxía; e o servizo de Traumatoloxía e Cirúrxía Ortopédica.
 
Asemade, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o servizo de Aparello Dixestivo resultou premiado de novo, tras o galardón recibido o ano pasado, pola súa unidade de atención á Hepatite C.
 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo o foco na valía dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, subliñando que “eles son os que fan da excelencia do noso sistema de saúde un hábito”. Así, salientou que “os Best in Class ratifican o que xa sabemos e o que, os pacientes que acoden ao seu centro saúde ou á consulta do seu especialista poden comprobar: estamos ante los mellores”, apostilou o responsable da Sanidade galega.
 
De acordo cos éxitos acadados polo sistema sanitario público galego na presente edición destes premios nacionais, García Comesaña subliñou que “Galicia conta cunha Sanidade que ofrece calidade en todos os seus niveis asistenciais, que é referente internacional en investigación e innovación, que forma a extraordinarios profesionais, que aposta pola prevención e a promoción dos hábitos saudables e no que, a súa prioridade é o paciente, ao que sitúa como centro da súa toma de decisións e actuacións”.
 
Os centros sanitarios e os servizos asistencias do Sergas finalistas
Ademais dos 9 premios concedidos á administración sanitaria da Xunta de Galicia, os hospitais galegos, os centros de saúde e os servizos asistencias do Sergas resultaron finalistas en diversas categorías.
 
Así, na área sanitaria da Coruña e Cee, chegaron até a final os seus servizos de Urxencias, as unidades de dor irruptiva oncolóxica, de enfermidades infecciosas, a área de farmacia hospitalaria e farmacia hospitalaria en IMIDS, xinecoloxía, hematoloxía e hemoterapia, neuroloxía, microbioloxía, reumatoloxía, uroloxía, e VIH/Sida.
 
No que atinxe á Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, esta resultou finalista en 17 categorías, obtendo 3 mencións de “Excelencia Cinco Estrelas”. O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e Barbanza foi nomeado finalista na categoría de hospitais de Alta Complexidade a nivel nacional e, xunto cos catro premios que lle foron outorgados esta tarde, tamén acadaron a final os seus servizos de farmacia hospitalaria, microbioloxía, oncoloxía, nefroloxía, pneumoloxía, patoloxía dixestiva e reumatoloxía.
 
En canto ás unidades do CHUS, resultaron finalistas a de asma,  esclerose múltiple, farmacia hospitalaria oncolóxica, e a áreas de hemodinámica e cardioloxía intervencionista. A sanidade pública compostelá tamén foi finalista no premio de humanización co proxecto chamado “Construíndo o coidado”.
 
No Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, ademais do premiado Servizo de aparello dixestivo - unidade de hepatite C-,  foron elixidos finalistas dos premios Best in Class 2021, a súa unidade de tratamento da asma, o Servizo de patoloxía dixestiva, e o Servizo de anestesioloxía e reanimación. Ademais, a área de Pontevedra e O Salnés tamén acadou a final nas candidaturas a Mellor centro de Atención Primaria e a Mellor Hospital de Complexidade Media.
 
Pola súa Banda, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, resultou finalista o servizo de Cardioloxía do Hospital Lucus Augusti.
 
Os premios Best in Class, que convocan anualmente a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, teñen como obxectivo recoñecer publicamente aos mellores hospitais e aos mellores centros de saúde, servizos e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, na procura da excelencia da atención que prestan aos seus pacientes.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss