GALICIA PREMIADA COMO A COMUNIDADE AUTÓNOMA COA ACTIVIDADE SANITARIA MÁIS INNOVADORA POLA REVISTA NEW MEDICAL ECONOMICS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2021

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recolleu este luns en Madrid o premio que distingue a Galicia como a comunidade autónoma coa actividade sanitaria máis innovadora, nos galardóns que anualmente convoca a revista especializada no sector sanitario New Medical Economics.
 
A comunidade galega destacou este ano no uso das tecnoloxías da información aplicadas a todo o proceso de vixilancia, vacinación e atención sanitaria á covid, na implantación de procesos de teleasistencia e abrindo novas canles de atención sanitaria á cidadanía a través da app SergasMóbil (videoconferencia, tarxeta sanitaria virtual ou o acceso aos certificados europeos de vacinación).
 
Ademais, a inclusión da cirurxía avanzada robótica nas sete áreas sanitarias supuxo, tamén, un salto cualitativo. Así mesmo, o Sergas foi o primeiro servizo publico sanitario de España en poñer a disposición dos pacientes a tecnoloxía HIFU para o tratamento dos tremores xerados por diferentes patoloxías, como é o caso do parkinson. Xunto ao anterior, o departamento sanitario galego seguiu apostando polos procesos de compra pública innovadora para mellorar os servizos asistenciais.
 
Sinalar que New Medical Economics outorga os seus premios a investigadores, compañías e administracións que contribúan, dun xeito significativo, ao desenvolvemento da Biomedicina e as Ciencias da Saúde en España, e que manteñan unha actividade investigadora, innovadora, de xestión e de atención ao paciente.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss