A CONSELLERÍA DE SANIDADE REÚNE A UN GRUPO DE EXPERTOS PARA ABORDAR A PREVENCIÓN, TRATAMENTO E CONTROL DO CONSUMO DE CANNABIS E OS SEUS DERIVADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2021
 

A Consellería de Sanidade organiza, en colaboración coa Delegación do Gobierno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad, Consumo e Benestar Social; a Universidade de Vigo; e a Sociedade Científica Española de Estudos sobre o alcohol, o alcoholismo e as outras toxicomanías (Socidrogalcohol), o III Congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis e os seus derivados. Os relatorios centraranse na abordaxe desta temática dende a adolescencia e a perspectiva de xénero.

O congreso, que terá lugar os días 18, 19 e 20, é unha iniciativa científica que pretende aglutinar a profesionais sanitarios, do ámbito xudicial e da educación, e estudantes das ramas socio-sanitarias interesadas por dar unha resposta aos problemas derivados do consumo de cannabis.

Poñer en común os crecentes coñecementos sobre o consumo de cannabis, ben illado ou en asociación con outras substancias psicoactivas, pode ser de gran utilidade para  profesionais da medicina, psicoloxía, enfermería, da docencia, así como doutras disciplinas que traballan neste campo.

O Congreso realizarase en modalidade on-line, retransmitido dende a Axencia galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), debido ás dificultades de planificación en base á evolución da pandemia. Nos días previos á súa celebración están a disposición das persoas inscritas os vídeos elaborados polos relatores para que os poidan ver e formular preguntas. Durante os días do congreso terán lugar as mesas de debate, onde se responderá ás preguntas realizadas polos inscritos ou transmitidas aos relatores o mesmo día da súa intervención, a través dos medios que se habilitarán ao efecto.

Consumos

Segundo os datos da última enquisa ESTUDES-2018 do Plan Nacional sobre Drogas, o cannabis é a substancia psicoactiva ilegal con maior prevalencia entre os mozos e mozas de 14 a 18 anos, sendo un 33% a porcentaxe do alumnado que consumiu esta substancia algunha vez na vida. Evolutivamente, a prevalencia do cannabis segue coa tendencia crecente iniciada en 2016. Tamén se observa na mocidade unha baixa percepción do risco ocasionado polo consumo desta substancia.

Estes datos, entre outros, son os que motivan á realización de xornadas e congresos nos que os especialistas na materia podan informar á sociedade sobre as consecuencias do consumo de cannabis e os seus derivados, así como as posibilidades de prevención e control.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss