PREMIO NACIONAL Á XESTIÓN DO COIDADO DAS FERIDAS E ÚLCERAS POR PRESIÓN NA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 11 2021

​A comunicación oral Plan de mellora integral de prevención e tratamento do deterioro da integridade cutánea, evolución e resultados 2012-2019 foi premiada no XIII Simposio nacional sobre úlceras por presión e feridas crónicas, que se celebrou en Toledo entre os días 10 e 12 de novembro. O obxectivo deste traballo premiado era dar a coñecer os resultados conseguidos co Plan de Mellora aplicado na Área Sanitaria de Ferrol neste ámbito da cura de feridas en ambiente húmido, co que se unificaron criterios de actuación para a valoración dos pacientes, a indicación e solicitude de produtos, a administración de coidados preventivos e de tratamento, así como unificación de tódolos rexistros relacionados coas úlceras e feridas. Xunto con isto, a outro dos obxectivos era identificar o impacto clínico e asistencial a través da análise dos resultados conseguidos.

"O deterioro da Integridade Cutánea e Tisular segue a ser un problema sanitario de primeira orde, polo que require unha xestión eficiente, desde un enfoque global e innovador. A elaboración e implementación do Plan de mellora integral, o desenvolvemento dun programa formativo específico, e a creación da Unidade de Asesoramento en Cura en Ambiente Húmido (CAH) convértense no centro da estratexia”, indican os autores principais deste traballo, os enfermeiros Luis Arantón Areosa, Ramón Delgado Fernández e Rocío Sanmartín Castrillón. Trátase dun estudo descritivo, transversal e retrospectivo de oito anos.
 
O dito Plan de Mellora, co eixe da citada Unidade, implica tamén a moitos servizos e profesionais da área, ás unidades de Formación continuada e de Calidade, ós profesionais referentes de cura en ambiente húmido, ós mandos intermedios de primaria e de hospital, e a tódolos equipos de enfermaría que directamente atenden ós pacientes, sen esquecer a todo o persoal que fai posible a infraestrutura necesaria para que cada centro e servizo reciba o material que precisa.
 
Consulta de Cura en Ambiente Húmido
 
A consulta de Asesoramento de Cura en Ambiente Húmido comeza a súa actividade na Área Sanitaria de Ferrol, no ano 2011, coa fin de revisar as solicitudes de produtos relacionados coa cura de feridas crónicas e úlceras, e a súa correlación cos datos clínicos do paciente. O obxectivo era orientar ós profesionais na uniformidade e implementación das sistemáticas de actuación e decisión clínica neste eido das feridas e úlceras; e tendo a prevención das lesións como fin principal.
 
Así, a estratexia baséase na formación, enfocada á prevención de lesións e á utilización adecuada dos produtos tanto preventivos e de tratamento que existen para minimizar o problema. Ademais, deseñáronse e implantaron algoritmos de decisión e actuación, solicitude telemática de apósitos, sistema de revisión e recollida de datos, de acceso a consulta e circuítos de asesoramento. Do mesmo xeito, deseñaron os indicadores necesarios para monitorizar os resultados e un sistema de canal de contidos para profesionais. Impártese paralelamente un programa formativo específico.
 
No ano 2016, introducíronse en catálogo produtos específicos de prevención (ácidos graxos hiperosixenados, película barreira de silicona volátil e cremas barreira, por exemplo) a disposición de tódolos os profesionais de atención hospitalaria e primaria. No ano 2019, renováronse más de 70 das denominadas superficies especiais para o manexo da presión ou colchóns antiescaras para todo o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
 
Incremento de pacientes e consultas
 
Do estudo galardoado derívase que, no marco deste Plan, mellórase o rexistro do número e coidados dos e das pacientes con úlceras por presión ou feridas crónicas. Así, fíxose un seguimento en historia electrónica constando 2.279 pacientes en 2012, cifra que se incrementou a 3.509 pacientes, en 2018; e alcanzou os 3.840, en 2019. O número de solicitudes que esta Unidade pasou a xestionar tamén foi incrementando considerablemente, ó pasar de 6.711 solicitudes, en 2012, a 11.941, en 2018, e a un total de 13.981, en 2019.
 
Por outra banda, outro elemento clave é a prevención para adiantarse a aparición destas lesións; así, o risco de que se produzan mídese cunha escala concreta denominada escala de Braden. Neste caso, esta escala rexistrábase no 22,3% de pacientes en 2012, e, trala aplicación deste Plan de Mellora a través da Unidade, pasaron a rexistrarse o 90% en 2018 e 2019. O rexistro de coidados específicos segundo o risco, tamén se incrementou pasando do 36,81%, en 2012, ó 96,6%, en 2018, e 93,2%, en 2019.
 
Os autores deste traballo a  nivel nacional conclúen que "a formación impartida xunto coa actividade de asesoramento realizada desde a consulta, permitiunos diminuír os índices de úlceras por presión, mellorando o rexistro e implementación de coidados e optimizando a utilización adecuada de produtos, ao mesmo tempo que conseguimos incrementar a calidade dos rexistros, e todo iso orientado a minimizar o problema do deterioro da integridade cutánea e tisular”.
 
O asesoramento que se produce de xeito específico permite adecuar a indicación, achega alternativas de tratamento a esas feridas, optimiza consumos, facilita a unificación de criterios e minimiza a variabilidade clínica. Asegurando a indicación adecuada de apósitos, e sen ningún tipo de limitación ou restrición no catálogo, melloráronse os resultados asistenciais globais e os índices de calidade asistencial, optimizando ó mesmo tempo o gasto económico.
 
Distintos aspectos deste plan de mellora relacionado coa abordaxe das úlceras por presión e as feridas da Área Sanitaria de Ferrol teñen sido premiados xa en numerosos foros nacionais e galegos ó longo dos anos dende a súa activación, e os resultados que se recollen non serían posibles sen a implicación dos e das profesionais sanitarios que procuran a mellor solución para os e as pacientes nun ámbito moitas veces de alta complexidade de curación.
 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss