PROFESIONAIS DO CHUF TRABALLAN EN ESTABLECER CIRCUÍTOS ESPECÍFICOS PARA OS ALÉRXICOS Á PENICILINA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2021

​A Área Sanitaria de Ferrol conta cun Programa de Optimización do Uso de Antimicrobianos (PROA) que durante todo o ano vela porque o emprego dos distintos antibióticos sexa o máis óptimo. Celébrase hoxe o Día Europeo do Uso Prudente dos Antibióticos e, dende o grupo PROA, dan conta das novidades e recordan as claves nunha sesión clínica xeral no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Nesta ocasión, tamén implican a outros Servizos que poden xogar un papel básico na racionalización do uso dos antibióticos, neste caso a penicilina na atención ás persoas alérxicas. Interviñeron esta mañá José García Rodríguez, facultativo de Medicina Interna en nome do grupo PROA; e Raquel López Abad, especialista en Alergoloxía do Complexo.

 
"Un 10% da poboación está etiquetada de xeito xenérico como alérxica a penicilina, e o 80% desa porcentaxe non é realmente alérxica á mesma”, e "esa falsa etiqueta leva consigo atraso no inicio dun tratamento antibiótico, o o emprego de antibióticos menos eficaces ou peores resultados clínicos, entre outras cuestións”. Polo que os profesionais implicados incidían esta mañá en que cunha boa historia clínica dirixida poderíase estratificar o risco do paciente de ter unha alerxia. Nese ámbito, a relación entre os departamentos implicados con estes pacientes xa se produce, e a xuntanza de hoxe valoraba a estandarización dun circuíto rápido de atención ós alérxicos á penicilina, que permita un análise específica da historia desas persoas para axeitar o antibiótico máis correcto segunda as súas características.

 

Outra das cuestións que destacaban na sesión clínica de hoxe era a implicación cada vez maior dos e das profesionais dos centros de saúde no marco do Programa, o que permite constatar grazas a ese esforzo unha redución no consumo de antibióticos e a indicación de antibióticos máis concretos a cada patoloxía. Produciuse un cambio de tendencia no consumo, e diminúe un 5% de media anual nos últimos anos. Isto é clave, xa que o 80% do consumo de antibióticos ten lugar no ámbito da Atención Primaria.

 

Recordar neste día as grandes claves: os antibióticos non son efectivos fronte ós virus, causa da maior parte das infeccións respiratorias; débense consumir antibióticos só con indicación médica, xa que tomar un antibiótico non indicado pode xerar resistencias e que perda eficacia cando realmente faga falta; e débense seguir as doses de antibiótico recomendadas, nin máis, nin menos; e na súa duración establecida.

 
Programa PROA

O programa PROA é unha iniciativa da Comisión de Infeccións e implica concienciar á sociedade e profesionais sanitarios dos riscos asociados ó uso inadecuado de antibióticos. Nel están implicados a farmacéutica, Belén Bardán García; o microbiólogo Pedro Miguel Juiz González; o facultativo da Unidade de Infecciosas, José Francisco García Rodríguez; e o facultativo do centro de saúde de Narón Fernando Paramio Castedo.

 

Os antimicrobianos (antivirais, antimicóticos, antibacterianos e antimicobacterias) son fármacos que teñen amosado unha grande eficacia na redución da morbilidade e a mortalidade das enfermidades infecciosas, pero a súa utilización excesiva ou inadecuada pode contribuír a aparición de resistencias microbianas, é dicir, perder a afectividade do tratamento para infección nun paciente. Este programa púñase en marcha no ano 2014 na Área Sanitaria de Ferrol, que era das primeiras en activalo; e entre os seus obxectivos está mellorar os resultados dos pacientes con infeccións; minimizar os efectos adversos asociados ó emprego destes antimicrobianos, incluíndo as resistencias; e garantir o emprego de tratamentos o máis costo-efectivos posible.

 
Para a consecución destes obxectivos, este grupo multidisciplinar realiza unha serie de actividades encamiñadas á mellora na prescrición dos antibióticos no ámbito hospitalario, sempre con vocación de asistencia e asesoramento ó prescritor, e que se monitorizaran con indicadores cuantitativos. O equipo de PROA avoga tanto pola interacción directa cos profesionais das distintas especialidades do hospital susceptibles de prescribir un antimicrobiano, como por estar dispoñibles para o asesoramento sobre a mellor opción terapéutica, e o control de resposta do paciente á mesma. Fan un seguimento dos pacientes ós que se lle prescribe un antibiótico, e se poñen en contacto cos profesionais, isto é, fan un diagnóstico da realidade actual en relación co consumo destes antimicrobianos, e o comportamento das resistencias no ámbito hospitalario ferrolá.

 

Así, coñecen os problemas e vixían aqueles microorganismos multirresistentes (como algúns tipos de enterobacterias, pseudomonas, acinetobacter, staphilococos ou enterococos, entre outros). PROA está accesible no portal interno da Área Sanitaria para tódolos traballadores, onde poden consultar as guías de tratamento antibiótico. Coa aplicación deste programa nalgún grupo antibiótico, como o tratamento con Meropenem, tense constatado un total de 1.587 estadías hospitalarias potencialmente evitadas, e tamén diminúen o número total de días de tratamento necesarios.

Evitar as resistencias e manter a eficacia
 
De xeito global, recordar un ano máis que o obxectivo do Día Europeo para o Uso Prudente do Antibiótico é sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia ós antibióticos supón para a saúde pública, e fomenta-lo emprego prudente do mesmo. Usa-los antibióticos con esa prudencia pode axudar a deter o desenvolvemento de bacterias resistentes; e conseguir que os antibióticos manteñan a súa eficacia para as xeracións futuras. Un emprego inadecuado do mesmo pode ser causa de colonización ou infección por bacterias resistentes (restando ou anulando a efectividade do propio tratamento) ou de incremento de infeccións, desencadeando problemas de saúde.
 
A clave é non automedicarse; tomar só a medicación antibiótica con prescrición facultativa; e que os profesionais contribúan ó control do consumo dos mesmos por parte dos pacientes. Esta semana recórdanse as mensaxes relacionadas co uso prudente do antibióticos nas pantallas dos ordenadores dos profesionais; e nas pantallas informativas do sistema Quendas nos espazos de espera para os pacientes.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss