DOUS DE CADA CINCO OURENSÁNS EMPREGARON ANTIBIÓTICOS NO QUE VAI DE ANO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2021

Ourense, 18 de novembro de 2021.- Dous de cada cinco ourensáns poderían ter completado un tratamento con antibióticos no que vai de ano 2021, unha cifra que ilustra a importancia e extensión destes fármacos e do imprescindible de empregalos axeitadamente para evitar que perdan efectividade.

A devandita estimación derívase da prescrición de tratamentos, nos tres hospitais públicos de Ourense e desde os Centros de Saúde e Puntos de Atención Primaria: Un total de 124.851 envases. Consumo que non inclúe a prescrición desde centros privados ou o sempre desaconsellada automedicación, polo que o cómputo será moi superior a esta cifra.

Coincidindo hoxe co Día Europeo do uso Prudente do Antibiótico, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras lembra que o uso excesivo e indebido dos antibióticos é unha das principais causas do desenvolvemento de bacterias resistentes, ante as que os antibióticos teñen cada vez menos efectividade, proceso que podería levar novamente a tempos previos ao descobrimento da penicilina, que cambiou para sempre a medicina e as perspectivas vitais da humanidade.

Ante este horizonte, desde hai anos, as institucións e organismos sanitarios traballan para mellorar, tanto o control do seu uso indebido, informando e concienciando a poboación, e tamén internamente, de cara aos propios profesionais. Esta última é a función da Comisión de Infeccións e Política Antibiótica da Área Sanitaria de Ourense.

Monitorear resistencias e uso de antibióticos

A Comisión está composta en Ourense por especialistas dos tres hospitais e atención primaria e, integrado na propia comisión, está o equipo encargado de levar a cabo o PROA (Programa de Optimización de Uso de Antibióticos) formado por profesionais dos servizos de Farmacia, Microbioloxía, Medicina Preventiva e das unidades de Enfermidades Infecciosas e de Críticos (UCI e REA) .

O seu obxectivo é realizar un diagnóstico rápido da infección, adecuar o tratamento antibiótico, promover o seu uso racional, traballar na prevención das infeccións intrahospitalarias e deseñar e avaliar indicadores de consumo e de resistencias. Os novos antibióticos precisan da aprobación do seu protocolo de uso, por parte da Comisión de Infeccións e unha vez prescritos é o “Equipo PROA” o que realiza o seguemento dos tratamentos.

Desde a súa creación no ano 2014, existe una clara tendencia á baixa no consumo de antibióticos nos hospitais da área. Así, segundo os datos do Sergas, correspondentes ao consumo dos hospitais das distintas áreas sanitarias, Ourense é despois de Ferrol a de menor consumo. Esta tendencia repítese nos últimos tres anos, sendo o antibiótico máis consumido a Amoxicilina/clavulánico (33% do total).

Imos polo bo camiño” di Pilar Rodríguez, farmaceútica hospitalaria e membro do PROA de Ourense, que considera que aínda queda marxe de mellora “acurtando a duración dos tratamentos e adaptando, o antes posible, o espectro ao resultado dos cultivos” dí a especialista do Servizo de Farmacia.

Por elo, os integrantes do equipo elaboraron un documento informativo, orientado a optimización da prescrición de antibióticos, co obxectivo de minimizar os seus efectos adversos e controlar a aparición de resistencias, que se distribuíu hoxe a todos os facultativos e facultativas da Área Sanitaria, desde a subdirección de Farmacia, coincidindo con este día para sensibilizar dos riscos da sobreprescición ou uso indebido.

Evitar efectos adversos

Para Pilar Rodríguez, un dos problemas clave é a sobreprescrición, en gran medida debido á falsa creenza de seguridade, libre de efectos adversos, tanto por parte da poboación como as veces por parte dos propios médicos, “moitas veces é difícil entender a asociación entre tomar un antibiótico e os efectos adversos” explica a especialista, porque “poden aparecer máis tarde, cando xa rematou o tratamento, como é o caso das alteracións do microbioma (flora bacteriana) ou resistencias futuras”.

Esta falsa sensación de “seguridade” da lugar a que se prolonguen os tratamentos máis alá do que recomendan as guías de práctica clínica actuais, polo que, cada día de tratamento innecesario, supón un risco e contribúe a aparición de microorganismos resistentes.

Manter a eficacia dos antibióticos

A resistencia aos antibióticos é un problema mundial que está en expansión, debido a dúas circunstancias. Dunha banda, o mellor acceso aos antibióticos, fomenta tamén un maior uso, mesmo o seu uso inapropiado, o que impulsa a resistencia. Doutra, a intensificación da produción de alimentos de orixe animal, fomenta o uso de antibióticos na agricultura e na gandería que, de novo, impulsa a resistencia.

O obxectivo do Día Europeo para o Uso Prudente do Antibiótico é sensibilizar sobre a ameaza que a resistencia ós antibióticos supón para a saúde pública, e fomentar o seu emprego prudente. Usar os antibióticos con prudencia pode axudar a deter o desenvolvemento de bacterias resistentes e a conseguir que os antibióticos manteñan a súa eficacia para as xeracións futuras.

De cara a poboación xeral a mensaxe clave é usalos só se son receitados por un médico, completar sempre o tratamento prescrito, aínda que xa se atope ben, e non almacenar envases ou doses sobrantes, nin por suposto compartilos.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss