SANIDADE INICIA A POSTA EN MARCHA DA NOVA VERSIÓN DA HISTORIA CLÍNICA ELECTRÓNICA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 11 2021
 

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, anunciou a inminente pilotaxe en atención primaria da nova versión da historia clínica electrónica do Sergas, coñecida como IANUS. A tal efecto, vaise presentar hoxe unha proposta a un equipo de médico-enfermeiro de cada área sanitaria, con todas as novidades que se integran nesta quinta versión da historia clínica.

Este anuncio da directora xeral foi realizado na súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, no transcurso da súa comparecencia, a petición propia, para dar conta do desenvolvemento das reformas previstas no documento estratéxico: “Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”.
 
Tal e como destacou Estrella López-Pardo, a novidade máis reseñable é a posta a disposición dos profesionais de primaria dun BigData propio de Galicia, coñecido como HEXIN, que se prevé integrar o ano que vén na nova historia clínica electrónica. Isto permitirá, por primeira vez, que o persoal médico e de enfermería obteña todo tipo de datos de saúde da súa poboación de referencia a partir de numerosos rexistros electrónicos, o que redundará nun aumento da calidade asistencial.
 
A representante da Consellería de Sanidade remarcou que a Xunta está a ser pioneira en todo o Estado na posta en marcha de cambios e melloras organizativas de gran calado na atención primaria, que despois se estenden a todo o territorio nacional. “Todas as medidas que se están levando a cabo están sustentadas no permanente diálogo cos profesionais e axentes implicados”.
 
Nos últimos anos o Sergas, -proseguiu a directora xeral-, está a facer un gran esforzo por aumentar o cadro de persoal nos centros de saúde. Entre os anos 2019 e 2021 creáronse máis de 300 prazas en atención primaria, e nos orzamentos de 2022 inclúese a incorporación de 109 novas prazas así como a estabilización dos contratos de continuidade que xa teñen tres anos de duración (66 enfermeiros e 20 médicos de familia).
 
Outra iniciativa da Xunta destacada por Estrella López-Pardo é que Galicia foi a primeira comunidade de todo o Estado en crear prazas de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, e enfermería pediátrica, sendo na actualidade un total de 150 nos centros de saúde. Tamén se dotou á atención primaria de psicólogos clínicos.
 
Estrella López-Pardo volveu insistir ao Goberno de España en que elimine a taxa de reposición e que aprobe a creación da especialidade de medicina de urxencias, e recordou que o déficit de profesionais en primaria é un problema común a todas as comunidades autónomas. 
 
Outras melloras emprendidas
Polo que respecta ao ámbito organizativo, a representante de Sanidade destacou varias das medidas postas en marcha pola Xunta, como é a implantación de axendas de calidade para todas as categorías profesionais, unha das ferramentas que axudan a mellorar a accesibilidade da poboación aos centros de saúde; ou a posta en marcha do sistema para a Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), mediante o que todos os profesionais de primaria participan de xeito interdisciplinar para dar resposta nun tempo e forma determinados a un motivo de consulta expresado polo paciente. Na actualidade, estase desenvolvendo a primeira fase piloto nos centros de saúde de Culleredo e Illas Canarias en Lugo, con resultados satisfactorios, xa que se constata que  podería diminuír a sobredemanda das axendas médicas nun 75%.
 
O Sergas tamén traballa nun novo sistema de xestión documental, SIEDOC, que garanta unha adecuada seguridade no proceso de emisión de informes médicos e mellore e ordene a súa xestión nas axendas de traballo dos profesionais de primaria, especialmente dos médicos de familia. Esta iniciativa será complementada cun sistema de atención telefónica que facilitará un servizo de cita personalizado. Na actualidade, 22 centros de saúde contan co mesmo, que resolve o 100% das chamadas perdidas no mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas. A previsión é que antes do próximo verán se implante en todos os centros de saúde.
 
Tamén destacou a directora xeral o papel dos farmacéuticos de atención primaria, como apoio fundamental para a enfermería e os médicos. Así, Sanidade traballa en poñer en marcha, na maior brevidade, a e-interconsulta entre os farmacéuticos e médicos e enfermeiros, co que se aumentará a axilidade e capacidade resolutiva nas cuestións farmacolóxicas que afectan aos pacientes.
 
No relativo ás carteiras de servizos das diferentes categorías profesionais que traballan en primaria, Estrella López-Pardo anunciou que, no próximo Consello Técnico, serán presentadas para a súa publicación, as de medicina familiar e comunitaria, enfermería, traballo social e farmacia.
 
Igualmente incidiu en que o Sergas continúa avanzando no proceso de recuperar a normalidade asistencial, “ao acadar que o 87% das consultas solicitadas pola poboación galega para o médico de familia sexan atendidas en menos de catro días”.
 
Para concluír a súa intervención, Estrella López-Pardo dixo que a Xunta continuará a consolidar as reformas iniciadas recollidas no documento: “Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, como no “Plan galego de Atención Primaria 2019-21”, á vez que introduce outras medidas que continuarán construíndo, dun modo integral, o novo modelo de atención primaria, que se sustenta nos principios de fortalecemento dos valores do sistema público e no liderado e na capacidade de cambio dos profesionais.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss