PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL COORDINAN O IV ENCONTRO GALEGO MULTIDISCIPLINAR DE ESCLEROSE MÚLTIPLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 11 2021

​Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol coordinan o IV Encontro Multidisciplinar de Esclerose Múltiple, que reúne ó entorno de 40 profesionais de toda Galicia, fundamentalmente das especialidades de Neuroloxía e Farmacia, no Parador de Ferrol hoxe venres 19 e mañá sábado 20 de novembro. O obxectivo deste encontro é unha posta en común dos distintos avances e novidades que se producen na abordaxe e tratamentos desta patoloxía, así o indican os coordinadores do encontro os responsables de Neuroloxía, Miguel Llaneza González; e a de Farmacia, Isaura Rodríguez Penín, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

 
Tratarán, entre outras cuestións, como ten influído a Covid durante os últimos meses, tanto no ámbito hospitalario como de consultas. Neste senso, por exemplo, como o Servizo de Farmacia adaptou a dispensación da medicación para estes pacientes no propio domicilio para evitar o seu desprazamento. Ademais, abordaranse os avances e incorporacións farmacolóxicas e, por exemplo, cuestións de seguimento e de adherencia ós tratamentos. Estes encontros son fundamentais para afondar en vías de acción e mecanismos que axuden a mellorar o prognóstico, e, consecuentemente a calidade de vida dos pacientes.

 
Enfermidade do sistema central
A Esclerose Múltiple é unha enfermidade dexenerativa-desmielinizante do sistema nervioso central, de causa descoñecida, e que afecta a persoas novas entre a segunda e terceira década da vida. É unha enfermidade na que se produce unha inflamación no sistema nervioso central afectando á substancia branca. Existen diferentes teorías sobre os factores que poden influír na aparición, como os infecciosos ou os ambientais, pero na actualidade non hai nada concretado.

 
Esta enfermidade soe cursar con abrochos, cun empeoramento nun período, que pode vir seguido por unha melloría. Co paso do tempo, pódese producir unha enfermidade progresiva sen evidencias claras de abrochos. Hai algunhas formas da enfermidade que son progresivas xa dende inicio, pero son as menos. A Esclerose múltiple é máis habitual nos países do norte, e afecta a dúas ou tres mulleres por cada home. Galicia é unha das comunidades autónomas con maior prevaleza, tal e como se deriva de estudos realizados en Ferrol, Ourense e Santiago, indican dende Neuroloxía, e non se coñece a causa deste maior prevaleza. No caso da Área Sanitaria de Ferrol diagnostícanse en torno ós 10 ou 12 novos casos por ano.

 
A sintomatoloxía é moi variable dependendo de que parte do sistema nervioso central estea afectado, e as síntomas máis frecuentes soen ser visuais, motoras, ou sensitivas, como trastornos da deambulación, dos esfínteres, ou vertixes, entre outros moitos. Os trastornos visuais son a síntoma máis habitual para ir á consulta, sobre todo os que se produce cun cadro brusco de perda de visión, e eses casos soen acudir a Urxencias. Polas súas características clínicas e afectación, a esclerose múltiple provoca o maior número de discapacidades -que non teñen a súa orixe nun traumatismo- entre a poboación adulta nova en idade laboral.

 
Consulta monográfica na ASF
A Área Sanitaria de Ferrol conta cunha consulta monográfica para esta enfermidade. Unha vez que se diagnostica a estes pacientes con esclerose múltiple, fáiselles un seguimento en Neuroloxía, nesta consulta específica, e, ademais, funciona a demanda do propio paciente. Prodúcese unha atención máis directa, especializada e personalizada; e tamén se inclúe asesoramento por parte de persoal formado especificamente. Explícaselle á persoa afectada como pode sufrir una abrocho e todo o relacionado co mesmo. Dáselle información para o recoñecemento, e para saber que facer no caso de que se produza; e, ademais, se lle facilita un contacto directo. Nesta consulta monográfica sobre esclerose múltiple, no ámbito da Neuroloxía da Área, estase a facer actualmente un seguimento a en torno ós 300 pacientes.

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss