A XUNTA E A FUNDACIÓN ORTEGA COLABORAN PARA DOTAR Á FUNDACIÓN GALEGA DE XENÓMICA DUN NOVO SECUENCIADOR DE ADN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 11 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o vicepresidente da Fundación Amancio Ortega, José Arnau Sierra, acompañados polo director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, supervisaron a posta en funcionamento, nesta Fundación Pública, do novo equipo de secuenciación masiva de ADN adquirido grazas á colaboración entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega, cuxa doazón foi agradecida polo conselleiro.

Este novo equipo de última xeración ten capacidade para secuenciar xenomas humanos completos a gran escala, e permitirá reducir, de forma inmediata, os tempos e custos de moitas das probas necesarias para o diagnóstico xenético con todas as garantías, así como abordar probas para os que non se dispuña de capacidade suficiente.
 
No eido da investigación, contar con este equipo posicionará á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica nunha situación estratéxica para participar en grandes proxectos de secuenciación e permitiralle avanzar no estudo de importantes patoloxías de carácter xenético.
 
A súa adquisición é froito dun convenio asinado en maio de 2020 entre o Sergas e a Fundación Amancio Ortega, segundo o cal esta Fundación comprometíase a efectuar unha doazón para sufragar os custos de adquisición e o servizo de mantemento por un período de cinco anos deste equipo. En virtude dese convenio, a Xunta de Galicia licitou, en febreiro de 2021, o correspondente contrato que, tralo preceptivo trámite administrativo, foi adxudicado en xuño deste ano por un importe total de 1,2 millóns de euros máis o IVE.
 
Nestes meses, a empresa adxudicataria procedeu a entregar o equipo e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica completou a súa instalación e posta a punto, co que hoxe se atopa xa en pleno funcionamento.
 
Potenciación de Xenómica por parte da Xunta
A potenciación da capacidade resolutiva da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica ten sido unha prioridade desde hai anos para o Goberno galego consciente do incremento da demanda asistencial crecente e o impacto da Medicina persoalizada na práctica dínica. En consecuencia con iso, o importe da transferencia que a Xunta fai a esta fundación no proxecto de Orzamentos Xerais para o ano 2022 que foi remitido ao Parlamento de Galicia, alcanzou os sete millóns de euros correspondente ao aumento dos prestacións da fundación que incrementa un 15% por ano o número de análises xenómicos para os pacientes do Sergas, e que se achega aos 30.000 na actualidade.
 
Ademais, a Fundación contou nestes anos con outras achegas competitivas da Xunta, como o financiamento da incorporación de persoal científico-técnico para a realización de actividades de I+D+i, a través de programas da Axencia Galega de Innovación como Principia ou Talento Sénior.
 
Por outra banda, continúase avanzando en dous obxectivos estratéxicos para a Fundación como son a integración electrónica dos seus sistemas cos do Sergas para facilitar a solicitude de probas, e o proceso de acreditación baixo a Norma ISO de calidade dos seus laboratorios clínicos.
 
A Xunta de Galicia está ademais a confiar en Xenómica para colaborar nas liñas prioritarias da súa política sanitaria. Así, esta Fundación ten participado na elaboración da recentemente aprobada Estratexia Galega en Enfermidades Raras, en cuxo desenvolvemento xogará un papel fundamental, e ten recibido unha importante encomenda para o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia, consistente na elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos, para permitir axustar doses e evitar reaccións adversas, aos efectos de que tal información sobre xenotipos de risco poida ser incorporada nos sistemas de información clínica do Sergas.
 
Capacidades de Galicia na medicina personalizada
A posición da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica como referente a nivel nacional é un dos factores que foron expostos o pasado luns polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, á que deu traslado dos proxectos que conforman a candidatura galega en materia de medicina personalizada para integrarse no Proxecto Estratéxico de Recuperación e Transformación Económica (PERTE) para ese ámbito que, durante este mesmo encontro, a ministra confirmou ao presidente autonómico que se vai convocar.
 
O feito de que o director desta fundación autonómica, Ángel Carracedo, sexa á súa vez o coordinador do programa de medicina xenómica do programa nacional IMPaCT (Infraestrutura de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e Tecnoloxía), sitúa a Galicia nunha posición privilexiada para xogar un papel protagonista no desenvolvemento da medicina personalizada de precisión en España.
 
A ese respecto, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia está a desenvolver unha estratexia para a incorporación de terapias avanzadas, froito da que comezou a colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela e co Hospital Clínic de Barcelona, para crear un centro de fabricación de inmunoterapias que comezará a desenvolver un fármaco CAR-T académico.
 
Por outra banda, o desenvolvemento da Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 prevé incrementar nun 50% o número de empresas do sector, dando continuidade aos resultados da Estratexia de impulso á biotecnoloxía 2016-2020, que permitiu duplicar o número de empresas vinculadas a esta industria en Galicia e incrementar a facturación do sector un 72%.
 
Estes datos reforzan a candidatura de Galicia para formar parte do futuro PERTE de medicina personalizada, enfocado a obxectivos como o desenvolvemento de terapias avanzadas ou o impulso da implementación equitativa da medicina personalizada de precisión, que coinciden coas liñas que se veñen traballando nos últimos anos na nosa Comunidade.
 
Así, outros factores que contribúen a destacar a posición de Galicia de cara á participación neste proxecto son a súa ampla base en eidos como a fabricación de medicamentos e vacinas, o descubrimento de fármacos, a nanomedicina ou a investigación oncolóxica; a experiencia galega en compra pública innovadora en materia sanitaria; o ecosistema de innovación colaborativa no eido da saúde creado a través de proxectos como o Living Lab recentemente iniciado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, e o carácter punteiro da investigación galega en materia xenómica, potenciado agora coa incorporación deste novo equipo á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e co aumento dos recursos que recibe por parte da Xunta.
 
Colaboración coa Fundación Amancio Ortega no eido sanitario
A instalación deste equipo secuenciador de ADN non é o primeiro resultado da colaboración da Xunta de Galicia e a Fundación Amancio Ortega no eido sanitario. Así, máis de 27.400 pacientes con 55 patoloxías diferentes de enfermidades oncolóxicas beneficiáronse do tratamento dos nove aceleradores lineais instalados nos servizos de radioterapia dos hospitais do Sergas, no marco do convenio asinado pola Xunta no ano 2015, en materia sanitaria, coa Fundación Amancio Ortega. Este acordo contempla a adquisición e instalación dun total de dez destes aparellos e a actualización de dous xa existentes. O vindeiro mes de decembro, está prevista a entrada en funcionamento do último acelerador dese contrato, que se emprazará na área sanitaria de Vigo.
 
Tamén no período 2015-2020 a Consellería de Sanidade realizou un total de 294.708 mamografías grazas a 16 equipos cuxa adquisición foi financiada pola Fundación Amancio Ortega a través dese mesmo convenio. Catro deles están destinados ao programa de cribado de cancro de mama; sete están instalados nos hospitais comarcais, compartindo uso entre cribado e diagnóstico hospitalario; e outros cinco dedícanse ao diagnóstico hospitalario.
 
No relativo á innovación, foi tamén un acordo coa Fundación Amancio Ortega o que permitiu o equipamento, por máis de 950.000 euros, do Centro Tecnolóxico de Formación médica (CTF) do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, ao que se incorporou tecnoloxía como simuladores clínicos de realidade virtual e simuladores de técnicas avanzadas, como radioloxía, anestesioloxía e microcirurxía.
 
A Xunta de Galicia asemade, asinou recentemente un novo acordo coa Fundación Amancio Ortega, esta vez inserido nun convenio entre o Ministerio de Sanidade e a Fundación para xestionar unha doazón de 280 millóns de euros que permitirá a dotación ao Sistema Nacional de Saúde de 10 equipos de protonterapia, unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa os tratamentos, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. Un deses 10 equipos instalarase en Galicia.
 
Por outra banda, as doazóns directas da FAO ao Sergas durante a pandemia sumaron cerca de 14 millóns de euros: 292 respiradores, case 7 millóns de máscaras, máis de 330.000 tests de detección, 250 camas hospitalarias e outro material.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss