O CONSELLEIRO DE SANIDADE SINALA A PREVENCIÓN DOS PROBLEMAS DE SAÚDE MENTAL E DO SUICIDIO COMO UNHA DAS LIÑAS ESTRATÉXICAS DO SEU DEPARTAMENTO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 11 2021
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo hoxe, no acto de inaguración da XXIX Reunión da Asociación Galega de Psiquiatría, que a prevención dos problemas de saúde mental e do suicidio é unha das liñas estratéxicas do seu departamento. Ao respecto, o Executivo galego puxo en marcha o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-204, co que se prevé crear máis de 200 novas prazas e habilitar máis recursos e servizos para a atención a estas doenzas.

A data de hoxe, -sinalou o conselleiro-, o Sergas xa incorporou a 95 dos 120 profesionais previstos para os dous primeiros anos do Plan. Grazas a esta medida, creáronse novas unidades de saúde mental de atención ambulatoria tanto no eido infanto-xuvenil como no dos adultos; e reforzáronse os equipos de atención domiciliaria, de psicoxeriatría, e dos hospitais de día.

Tamén destacou que, ao abeiro deste Plan, comezáronse a poñer en marcha varias unidades de atención especializada a persoas en risco de suicidio, que contan cun equipo específico de profesionais composto por persoal de psicoloxía, psiquiatría e enfermería.

De cara ao vindeiro ano, o Sergas ten previsto crear 43 novas prazas en diferentes categorías, para continuar incrementando recursos, programas asistenciais e de prevención e, deste xeito, seguir coa dotación progresiva de unidades de atención especializada a persoas en risco de suicidio e de hospitais de día infanto-xuvenís en todas as áreas sanitarias.

Xunto ao anterior, Sanidade convocou por primeira vez, este mesmo ano, unha liña específica de subvencións para as entidades sociais que desenvolvan programas de prevención do suicidio e, deste xeito, contribuír á concienciación da problemática e detectar situacións de risco. Tamén subliñou a aposta do Goberno galego pola investigación, como outra das pezas para avanzar na prevención.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss