A XUNTA LICITA POR UN TOTAL DE 726.000 EUROS O EQUIPAMENTO PARA A FABRICACIÓN DE TERAPIA CELULAR CAR-T
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 11 2021
 

​A Consellería de Sanidade vén de publicar, no perfil do contratante, a licitación do subministro de equipamento de procesamento celular para a fabricación de terapia celular CAR-T, por un importe de 726.000 euros. A data límite de presentación de ofertas é o 22 do vindeiro mes.

Debido ás estritas normas regulatorias, para minimizar contaminacións cruzadas e maximizar a seguridade e estandarización do produto final, requírese un equipo semi-automatizado que permita realizar todos os pasos críticos de produción de medicamentos CAR-T, desde a selección celular, á activación, transdución, expansión e obtención do produto final. O feito de  que o equipo traballe en sistema pechado é esencial, xa que proporciona unha fabricación con puntos de contacto mínimos, minimizando o risco de erros e reducindo os requisitos de sala limpa, ao tempo que aumenta a seguridade do produto e do operador.

Todo isto reduce, ademais, os custos de fabricación, debido a uns menores gastos de mantemento da sala, dos controis do proceso e da vestimenta do persoal, e supón un incremento dos niveis de seguridade do proceso de fabricación, posto que o produto non queda exposto ao ambiente en ningún momento do proceso.

Con esta publicación, o departamento sanitario galego dá un paso máis na posta en marcha do centro de fabricación de inmunoterapias de Galicia que, en función do convenio asinado entre Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela o pasado 27 de maio, se ubicará nas instalacións da USC.

O pasado mes de agosto, a Xunta de Galicia licitou, por un importe de 975.285 euros, o contrato de redacción de proxecto e reparación, adaptación e posta en marcha de salas brancas para o seu uso en terapias celulares avanzadas.

En conxunto, o Executivo galego investirá un total de 2’5 millóns de euros para levar a cabo as tarefas de reforma e a adquisición do equipamento preciso para pór en marcha o centro de fabricación de inmunoterapias de Galicia, e cuxas instalacións se emprazarán nos edificios que anteriormente acollían o Instituto de Ortopedia e o Banco de Tecidos Musculoesqueléticos.

Mediante a súa remodelación, as novas instalacións de produción celular, disporán de salas brancas para a produción de terapias celulares avanzadas e medicamentos CAR-T laboratorios de control de calidade, salas de criopreservación, ademais doutros espazos destinados a usos auxiliares e administrativos. 

O novo centro de fabricación situará a Galicia na vangarda dos tratamentos contra o cancro e será un punto de referencia no eido do estudo e a innovación, grazas á creación da nova Unidade de Investigación de terapias celulares avanzadas e medicamentos CAR-T, na que participarán conxuntamente o persoal do novo centro, grupos de Investigación do sistema universitario de Galicia, ademais doutros institutos e organismos de investigación sanitaria.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss