A X XORNADA DE XINECOLOXÍA E A REAL ACADEMIA DE MEDICINA CÉNTRASE NAS INFECCIÓNS DURANTE EMBARAZO, PARTO E LACTACIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
25 11 2021

​A X Xornada que organiza anualmente o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia da Área Sanitaria de Ferrol en colaboración coa Real Academia de Medicina de Galicia celébrase esta tarde no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e contará con máis de 70 asistentes. Nesta ocasión, o encontro abordará as infeccións durante o embarazo, o parto e a lactación. Como indica un dos organizadores, o responsable do Servizo de Xinecoloxía da Área, Manuel Veiga Tuimil, esta X Xornada é en memoria de José Carro Otero, falecido este ano, que era presidente da Real Academia de Medicina e que colaborou e estivo vencellado sempre a este encontro, xunto co anterior responsable do Servizo de Xinecoloxía, Javier Martínez Pérez-Mendaña.

 
O obxectivo fundamental do encontro é promover a prevención das infeccións durante o embarazo, o parto e o puerperio na Área Sanitaria de Ferrol, e, tamén, o diagnóstico e tratamento precoces desas infeccións. Outro dos obxectivos que teñen estas xornadas multidisciplinares é involucrar no diagnóstico e prevención das infeccións durante o embarazo a tódolos profesionais implicados na atención á muller, e mellorar a coordinación entre os niveis asistenciais da Área Sanitaria de Ferrol. Estas xornadas estrutúranse de xeito que se producen intervencións de profesionais en relación con distintos aspectos do tema central, este ano as infeccións. “Participan máis activamente como relatores profesionais de Pediatría, matronas e médicos do Servizo de Xinecoloxía; e introdúcese unha novidade este ano, o coloquio e comentario de casos clínicos tras cada intervención”, explican.

 
A pertinencia deste encontro, sinalan dende a organización, débese a que as mulleres embarazadas e o feto son especialmente susceptibles de padecer enfermidades infecciosas por mor dos profundos cambios fisiolóxicos que se producen na muller durante a xestación. A capacidade inmunolóxica do feto e o neonato é menor en comparación coa de nenos maiores e adultos. Despois do nacemento a lactación materna protexe contra algunhas infeccións. Esta protección comeza a diminuír despois do segundo mes de vida. Nos países desenvolvidos, entre un 10 e un 25% das mortes  intraútero son de causa infecciosa.

 
Todos estes temas abordaranse esta tarde, e consideran clave a abordaxe desa cuestión xa que é necesario que todos os profesionais da saúde implicados na atención ao embarazo, parto e puerperio posúan coñecementos específicos destas patoloxías asociadas ó embarazo para previr ou atenuar os danos tanto na nai como no feto e ou neonato. Deben de estar formados acerca da prevención, o diagnóstico precoz e os tratamentos adecuados, rematan.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss