​UN NOVO ECOCARDIÓGRAFO INSTALADO EN VALDEORRAS PERMITIRÁ EVITAR TRASLADOS PARA REALIZAR PROBAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 11 2021


  • O obxectivo é potenciar a capacidade resolutiva do Hospital Público de Valdeorras que dispón xa de novo equipamento radio-cirúrxico para uso intraoperatorio

  • Na liña de compromiso coa autonomía asistencial que manifestou onte o Conselleiro de Sanidade no Barco hoxe mesmo contratouse a un cuarto xinecólogo que se suma aos dous novos cirurxáns

O Barco de Valdeorras, 26 de novembro de 2021.- Esta mesma semana os técnicos de electromedicina deixaban instalado e operativo o novo ecocardiógrafo que permitirá realizar algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos, a tratamento directamente no Hospital Público de Valdeorras, polo que a partir de agora xa non terán que desprazarse desde O Barco.

Xunto a este equipo ven de instalarse un novo ecógrafo xinecolóxico que, dotado con software de última tecnoloxía, e tres sondas, permite a realización de estudos de mama, complementando as mamografías, ademáis doutras probas xinecolóxicas e tamén de seguemento do embarazo.

Estes dous equipos forman parte dunha relevante dotación tecnolóxica do Hospital Público de Valdeorras, na liña de potenciar a sobrada capacidade resolutiva do seu persoal e autonomía, que o levou a ser un dos centros hospitalarios de distrito que asumíu, con calidade e efectividade, a maior presión asistencial da primeira onda da pandemia na que todavía estamos inmersos.

Nesta liña, ademais destes equipos de imaxe, o Hospital Público de Valdeorras xa dispón do novo equipamento radio-cirúrxico, para uso intraoperatorio, instalado no quirófano. Igualmente, desde a Consellería de Sanidade trabállase na adquisición de dous novos ecógrafos, para dar servizo aos servizos de urxencias e radioloxía , coa previsión dun novo TAC, nos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022. Todo sumado a modernización do equipamento de farmacia e da dixitalización da sala de radioloxía.

Este será o ano tamén da esperada renovación e modernización de todas as camas do hospital, licitación que se efectuará antes do remate deste mesmo ano, polo que agárdase que o novo mobiliario poda estar xa instalado a comenzos do ano as portas.

Cuarto xinecólogo e novos cirurxáns

Na liña do compromiso da Xunta de Galicia coa capacidade resolutiva e autonomía asistencial que reafirmou, onte mesmo no Barco de Valdeorras, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Hoxe mesmo contratouse a un cuarto xinecólogo que se suma así aos dous novos cirurxáns que se incorporaron os pasados días.

Igualmente, desde a xerencia do distrito e da Área Sanitaria, trabállase en novas iniciativas que permitan acelerar a recuperación da actividade afectada pola pandemia, asi como pola falla puntual de determinados especialistas, incidencias que non son privativas deste hospital, senón que reflicten a fluctuación na demanda de determinadas especialidades, e que grazas á organización como Área Sanitaria se poden cubrir con garantías e coa coordinación dos profesionais da rede.

Asi, e pese a reiteración nos últimos días no senso contrario, a realidade é que, a pesar das dificultades doutros periodos para completar vacantes, no Hospital Público de Valdeorras servizos como Hematoloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolarongoloxía, Psiquiatría, Psicoloxía ou Microbioloxía -por citar algunhas das que se mencionaron no seu día- están ao 100% subliñando que se dispón na actualidade de tres anestesistas e que os próximos días pasarán a catro.

Ademais ven de poñerse en marcha a Unidade de Hospitalización a Domicilio, para o que se contratou a un especialista en xeriatría, cunha de enfermeria a tempo completo. O persoal de enfermería tamén se incrementou cunha enfermeira especialista, no marco do Plan Galego de Saúde Mental.

Todos os Centros de Saúde deste distrito teñen optimamente cubertas -cunha das mellores ratios de Galicia- as prazas de facultativos. Asemade, tanto o Servizo de Urxencias como os Puntos de Atención Continuada -Viana, Barco, Trives- teñen os tempos mais curtos de atención de toda a rede Sergas.

Convén lembrar que continuamos inmersos nunha pandemia mundial que, pese a súa intensidade, non superou a capacidade asistencial de ningún hospital público galego nin ourensán, nin demorou operacións urxentes ou prioritarias, como as oncolóxicas.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde