A XUNTA IMPULSA A ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR DO SERGAS PARA CANALIZAR AS MEDIDAS DIRIXIDAS A GARANTIR A SOSTIBILIDADE DO SISTEMA DE SANIDADE PÚBLICO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 11 2021
 

A Xunta de Galicia impulsará a Estratexia de economía circular do Sergas, un instrumento propio de planificación e orientación no que se recollan todas aquelas medidas dirixidas a garantir un sistema de sanidade público máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Así o comprometeron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que asinaron no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) un convenio de colaboración polo que ambas partes acordan traballar conxuntamente en materia de clima e saúde, así como colaborar na redacción do devandito documento.
 
O obxectivo pasa por dotar ao Sergas dunha ferramenta propia que marque a folla de ruta a seguir para todos os centros e hospitais públicos de Galicia de cara a reducir a produción de residuos, optimizar a súa xestión desde unha perspectiva circular e avanzar na sostibilidade do sistema sanitario.
 
Precisamente, os dous conselleiros puxeron ao HULA como exemplo da contribución que se pode facer desde as instalacións dedicadas ao eido da saúde á loita contra o cambio climático e ao cumprimento do obxectivo de acadar unha Xunta 100% neutra en carbono. Ademais, o HULA tamén leva máis dunha década apostando pola economía circular para avanzar cara a un sistema sanitario sostible e respectuoso co medio ambiente.
 
Neste sentido, cómpre lembrar que o hospital lucense é un centro pioneiro en canto a medidas para reducir a súa pegada ecolóxica e como membro do proxecto Race to Zero traballa para acadar unha diminución do 60% das súas emisións no ano 2030, un obxectivo compartido polo conxunto de centros que integran o Sergas.
 
Neste sentido, Ángeles Vázquez incidiu en que a loita contra o cambio climático pasa por reducir a produción de residuos en todos os ámbitos, incluído o sanitario, e substituír o actual modelo de consumo lineal, baseado no concepto de producir, usar e tirar, por outro máis sostible no que se alongue a vida útil dos recursos.
 
“Coidar da saúde do planeta tamén é coidar da saúde das persoas, por iso sanidade e medio ambiente deben ir sempre xuntos”, subliñou a conselleira, que asegurou que contar cunha folla de ruta propia e en liña cos obxectivos da Estratexia galega de cambio climático e enerxía e da Estratexia galega de economía circular permitiralle ao Sergas reducir a produción de residuos e seguir implementando medidas para garantir unha xestión integral e máis axeitada dos que se xeren nos seus centros.
 
Memorando Under2
Así mesmo, Ángeles Vázquez enmarcou a futura Estratexia do Sergas na aposta da Xunta por unha Galicia “cero en emisión netas” a través do impulso de diferentes actuacións fronte ao cambio climático. Lembrou unha das últimas, a sinatura do memorando Under2 no marco da recente Conferencia das Nacións Unidas sobre Cambio Climático (COP26) e tamén citou o cumprimento dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU a través da chamada Axenda 2030.
 
Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que este acordo de colaboración afianza o compromiso da Xunta cun sistema sanitario 100% resiliente, sustentable e respectuoso co medio ambiente.
 
“Apostar en economía circular é garantía para ser máis eficientes, aforrar en custes, diminuír en emisión de carbono e reducir o impacto ambiental o máximo posible”, indicou. Neste punto, recordou que, desde 2019, a economía circular vén sendo, precisamente, eixo vertebrador das accións postas en marcha polo Sergas. Unha experiencia, engadiu, que servirá agora para o deseño da Estratexia de economía circular do Servizo Galego de Saúde.
 
O Sergas, referente na loita en contra do cambio climático
Así mesmo, salientou que o Servizo Galego de Saúde leva máis dunha década inmerso nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible e resiliente, poñendo en marcha iniciativas innovadoras, como os proxectos Low Carbon e o Life Resystal, que promoven a sustentabilidade.
 
Nesta loita contra o cambio climático, o Sergas é referente a nivel internacional. Forma parte do proxecto europeo Race to Zero das Nacións Unidas e é socio oficial da New European Bauhaus.
 
Investimentos en enerxía renovable
Dentro da aposta polas enerxías renovables, García Comesaña anunciou un  investimento de máis de 2 millóns de euros para a colocación de placas fotovoltaicas nos hospitais Lucus Augusti, Santiago, Pontevedra, O Barco, Monforte e o Meixoeiro.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss