​A XUNTA DE GALICIA ADXUDICA O PROXECTO DA SEGUNDA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA INFANTO-XUVENIL DE GALICIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 11 2021
 
 
A Xunta de Galicia vén de facer publica a resolución pola que se adxudica a redacción do proxecto básico e de dirección da nova Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo. O proxecto será redactado polos estudos de arquitectura Irisarri Piñera e Sabín Blanco Arquitectos, por un importe de 52.620 euros.
 
A nova Unidade, a segunda de Galicia, xunto coa existente en Santiago de Compostela, enmárcase na estratexia de Saúde Mental 2020-2024 coa que o Executivo galego incrementa os recursos dirixidos á poboación infanto-xuvenil. Así, este novo servizo asistencial incidirá dun xeito moi significativo na saúde dos pacientes, que con idades comprendidas entre os  12 a 16 anos,  padezan algún tipo de doenza psiquiátrica.
 
A creación de dispositivos psiquiátricos destinados á poboación infantil e adolescente, mellorará o prognóstico destas patoloxías e a calidade de vida dos pacientes, dado que a maioría dos trastornos mentais crónicos inicianse durante esta etapa da vida.
 
O sur de Galicia contará cunha nova unidade de referencia para as doenzas vencelladas á Saúde Mental, contribuíndo a optimizar o tratamento daquelas patoloxías psiquiátricas que non podan manexarse de forma ambulatoria, ou que pola súa situación clínica extrema e alto grao de especialización nos seus coidados, non estea indicado o ingreso en Unidades abertas como o servizo de Pediatría.
 
A unidade distribuirá a súa estrutura en 622 metros cadrados, contemplando 6 habitacións individuais, sala de actividades grupais, comedor e terapia de grupo, ademais de áreas propias do persoal como control, despachos e zonas comúns.
 
A Unidade de Hospitalización Infanto-Xuvenil estará atendida por 2 psiquiatras, 1 psicólogo, 1 terapeuta ocupacional, 1 celador e un amplo equipo de enfermaría especializado en saúde mental, que deben garantir a seguridade e coidado integral dos menores, as 24 horas do día.
 
Plan de Saúde Mental 2020-2024
Na aposta da Xunta de Galicia por optimizar a atención da Saúde Mental na nosa comunidade, o proxecto de Orzamentos para 2022 presentado polo Executivo galego incrementa en 4,4 millons de euros os fondos destinados a un servizo asistencial no que, ademais, este proxecto de orzamentos contempla a creación de 43 novas prazas en 2022, de acordo ao Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024
 
No que atinxe aos Recursos Humanos, a Xunta incorporou xa a 96 dos 120 novos profesionais previstos nos dous primeiros anos do Plan de Saúde Mental, o que representa preto do 80%.
 
Destes 96 profesionais, 31 son psicólogos, 31 psiquiatras, 12 traballadores sociais, 18 son persoal de enfermería especialista en saúde mental, 2 técnicos auxiliares de enfermería e 2 terapeutas ocupacionais.
 
A incorporación deste persoal no Plan de Saúde Mental ten permitido a creación de novas unidades de saúde mental de atención ambulatoria, tanto no eido infanto-xuvenil, coa posta en marcha de novas unidades nos hospitais de Vigo e A Coruña; como no eido  adulto, como as inauguradas en Ordes, Tui ou Oleiros.
 
Así mesmo, o Executivo Galego tamén reforzou os equipos de atención domiciliaria e sociosanitaria en entornos residenciais á saúde mental nas áreas de Santiago, Ourense e Pontevedra, e incorporou os profesionais precisos para a posta en marcha dunha unidade de psicoxeriatría en Ourense.
 
Por outra banda, o proxecto de Orzamentos contempla tamén un aumento dos acordos de colaboración con entidades sociais e fomentar o uso dos recursos por parte de persoas con trastorno mental atendendo ás súas necesidades.
 
No relativo ás transferencias a entidades de saúde mental, adiccións e sociosanitarias, artellarase un incremento de máis de 620.000 euros (592.000 en transferencias correntes e 65.000 en transferencias de capital), o que supón que as partidas combinadas de transferencias a estas entidades acaden os 8,8 millóns de euros.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde