O BARRIO DE RECIMIL EN FERROL CONTA CUN MAPA DE ACTIVOS DE SAÚDE ELABORADO POLA ENFERMERÍA COMUNITARIA DA ÁREA SANITARIA DE FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 12 2021

​O barrio de Recimil no Concello de Ferrol conta cun Mapa de Activos de Saúde elaborado por profesionais especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol. Este mapa de activos preséntase esta tarde, ás 17:00 horas, no quinto andar do Fontenla Maristany de Ferrol, e contará coa presencia dos e das profesionais sanitarias implicadas e a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Eva Martínez. Un mapeo é a busca do que se coñece como activos de saúde, que son todos aqueles recursos ou actividades que axuden a aumentar o estado de saúde da poboación. A prescrición social é un proceso polo que o profesional sanitario identifica e selecciona xunto coa persoa que acude á consulta aqueles activos de saúde dispoñibles na súa comunidade co obxectivo de mellorar a súa saúde, explica a supervisora de formación continuada e coordinadora desta actividade, Marisa Fraga Sampedro.

A elaboración deste mapeo no barrio engádese ó elaborado previamente no barrio de  Caranza por outras promocións de enfermeiros residentes na especialidade de atención familiar e comunitaria. A súa xustificación radica na necesidade de coñecer as comunidades que engloban a zona básica de saúde, especialmente no referido aos activos ou recursos en saúde, coa fin de poder realizar unha prescrición social desde a consulta de atención primaria e outros dispositivos de saúde.
 
Para iso, indican os profesionais especialistas e autores do mapeo, Cristina Pardo López, Ignacio Paz Melero (que o presentan hoxe), Mario Rifá Crespo e Alicia Soto García, “realizouse unha rotación dun mes de duración na Concellería de  Benestar Social, onde en colaboración cos técnicos do concello, tivemos a oportunidade de coñecer e visitar as entidades sociosanitarias que desenvolven o seu labor na área de Ferrol, así como contactar con diferentes representantes de colectivos que participan activamente na vida diaria do barrio de Recimil”. Este proxecto está enmarcado no ámbito de actuación dun plan municipal de maiores dimensións, que pretende establecer unha mellora nas condicións de habitabilidade, de convivencia e, en definitiva, na saúde da comunidade que conforma o barrio de Recimil.

 
Prescribir saúde

Un mapeo é un proceso de identificación dos recursos que a propia comunidade recoñece como riquezas para manter a saúde, como indica Marisa Fraga, “pode ser un banco da Praza de Sevilla onde as persoas poden falar ou algún curso nunha entidade veciñal”. Todo o que, en palabras da propia poboación, lles faga sentir ben. Este traballo recolle activos relacionados coa saúde, coa cultura, co tecido asociativo, espirituais, co ocio e o deporte ou co sector servizos ou económicos.
 
Así, para a realización do mapeo, contouse coa colaboración de informantes clave de diferentes ámbitos, que se localizaron mediante metodoloxía en bóla de neve, técnica de investigación cualitativa que permite que unha vez que se identifican os primeiros informantes clave, conseguir que proporcionen os contactos doutros informantes ata lograr a saturación de información. Esta metodoloxía permitiu contrastar a información e evitar rumbos individuais. En total, entrevistáronse a 22 informantes clave, relacionados con todos os ámbitos de activos de saúde previamente descritos.

 
“O que queremos os sanitarios é prescribir saúde para mellorar a situación da nosa comunidade, e este mapeo é unha ferramenta que nos facilita a tódolos profesionais recursos na propia comunidade para axudar ós noso pacientes”, indican. Non é só un inventario, senón que se trata de recompilar en fichas tódolos activos potencias, e crear ademais novas relacións e posibilidades con eses elementos, que deben ser xa coñecidos e empregados pola comunidade, e valorados positivamente.

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde