SANIDADE ESTENDERÁ O VINDEIRO ANO O PROGRAMA POBOACIONAL DE CRIBADO DE CANCRO DE CÉRVIX ÁS ÁREAS SANITARIAS DE FERROL E PONTEVEDRA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 12 2021

 

 
A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, anunciou hoxe, na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, que a Consellería de Sanidade ten marcado como obxectivo estender o Programa poboacional de cribado de cancro de cérvix a todas as áreas sanitarias, acadando unha cobertura total da poboación diana. O compromiso da Xunta para o vindeiro ano, subliñou Carmen Durán, é completar o programa piloto de cribado de cancro de cérvix na área sanitaria de Lugo, e estender o mesmo ás áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra. Progresivamente, irase estendendo ao resto das áreas sanitarias.
 
Tal e como indicou a directora xeral, en base aos resultados do estudo piloto da área de Lugo, decidiuse optar polo método no que a muller pode elixir se desexa acudir á súa matrona ou que se lle envíe ao seu domicilio o dispositivo para realizar a autotoma ou recollida da mostra. Ao respecto remarcou que esta estratexia obtivo un 77,9% de participación no programa piloto, por tanto por riba do 70% que é o valor que se considera adecuado nos estándares deste programa de cribado.
 
Segundo explicou a directora xeral, a proba de cribado realizarase nas mulleres de 35 a 65 anos e consistirá na detección da infección polo virus do papiloma humano (VPH) no fluído vaxinal ou no colo uterino, utilizando as bases de datos de tarxeta sanitaria para proceder á selección da poboación diana. A tal efecto, enviaráselle ás mulleres unha carta de invitación ao seu domicilio ou unha mensaxe de texto ao seu teléfono móbil, xunto co folleto informativo do programa.
 
As mulleres de 35 a 60 anos poderán indicar a súa preferencia do método de cribado devolvendo, debidamente cumprimentada, a tarxeta de elección mediante un sobre que se xunta na propia carta, ou ben se a invitación foi realizada mediante unha mensaxe de texto, poderán acceder ao enlace que se enviará e aceptar a invitación na web da Dirección Xeral de Saúde Pública.
 
Se non se recibe resposta nun prazo de 3 meses, enviaráselles un recordatorio de invitación.
 
No caso de que a muller elixa a autotoma, enviaráselle ao seu domicilio o dispositivo de recollida da mostra vaxinal xunto coas instrucións para recollela e as etiquetas identificativas.
 
A muller deberá recoller a mostra, identificala cunha etiqueta personalizada que se achega xunto co material e introducila na bolsa de recollida que ten os seus datos e un código de barras, que é único para cada participante. Unha vez recollida e identificada a mostra, esta debe ser depositada no seu centro de saúde o antes posible nun contedor habilitado para tal efecto.
 
A Consellería de Sanidade facilitará a cada centro de saúde un contedor debidamente identificado, destinado á recollida dos test de autotoma sen necesidade de que se xere unha consulta médica ou de enfermería; de forma similar a como xa se está a facer no Programa de detección precoz do cancro colorrectal.
 
No que respecta ás mulleres de 61 a 65 anos, -proseguiu a directora xeral-, realizaráselles un co-test en atención primaria coa súa matrona, que consiste na recollida de mostra para a detección do VPH e citoloxía simultánea. Se ambas as dúas probas son negativas, sairán do Programa.
As mostras analízanse avaliando a existencia de infección por VPH de alto risco oncoxénico. Se a proba resulta negativa, informarase á muller mediante unha mensaxe de texto ou por carta e invitarase de novo aos cinco anos. Se a proba resulta positiva, contactarase coa muller e xestionarase unha cita para realizar unha citoloxía. Finalmente, se algunha das mostras é insatisfactoria repetirase a toma, sempre por un ou unha profesional sanitaria aos catro meses.
 
Resultados do programa piloto
Na súa intervención no Parlamento, Carmen Durán detallou que o proxecto piloto deu comezo en decembro do pasado ano na área sanitaria de Lugo, e foi avaliado recentemente cos datos obtidos ata o 1 de setembro deste ano. Foron invitadas un total de 2.600 mulleres, das que participaron 1.550, o que supón unha participación de preto do 60%. As porcentaxes de participación variaron en función das tres estratexias testadas. Así, no grupo de citación directa, participaron o 56,3% das mulleres invitadas; no da autotoma, a participación foi do 51,4% e, por último, cando as mulleres podían elixir, a participación aumentou ata un 77,9%, dato que está por riba dos informes europeos.
 
Este estudo piloto, -remarcou Carmen Durán-, posibilitou a detección do VPH nun 5,2% das mulleres cribadas e destas mulleres cunha proba positiva, no 15 % detectouse algún tipo de lesión premaligna que foron derivadas á consulta pertinente. Estes datos son coherentes co descrito na bibliografía existente, o que corrobora que a metodoloxía utilizada e o estudo no seu conxunto, desenvolvéronse con éxito, -concluiu a directora xeral-.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss