A XUNTA CONSTRUIRÁ EN PANTÓN UN NOVO CENTRO DE SAÚDE CON CAPACIDADE PARA TRES MÉDICOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 12 2021

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco para avanzar na mellora da cobertura sanitaria deste concello.
 
Na reunión, o conselleiro respondeu á preocupación do alcalde pola cobertura da terceira praza de médico de familia do centro de saúde da localidade, vacante desde a marcha dunha facultativa a raíz do último concurso de traslados aberto e permanente do Sergas. García Comesaña trasladoulle ao alcalde que nestas datas, nas que moitos profesionais aproveitan para desfrutar dos seus días libres, está a ser difícil atopar cobertura diaria pero comprometeuse a priorizar a busca dunha solución estable co inicio do novo ano 2022. A este respecto, alcalde e conselleiro avaliaron varias posibilidades que permitirían garantir esta cobertura.
 
En relación con iso, conselleiro e alcalde avanzaron tamén no proxecto de construción dun novo centro de saúde para Pantón, que permita substituír ao actual, situado en instalacións municipais de case 40 anos de antigüidade, con pouca funcionalidade asistencial e dificultades de accesibilidade.
 
Por todo iso, a Xunta incluíu a construción dun novo centro en Pantón na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta, formulando unha proposta de novo centro de 600 metros cadrados no que habería espazo para a actividade dos tres profesionais de medicina de familia, así como para a enfermería, cunha sala polivalente e unha sala de técnicas que incrementarán o espazos para a realización de probas diagnósticas ou cirurxía menor. Para isto solicitouse ao concello a achega dunha parcela apta para a edificación deste inmoble.
 
En resposta a esta petición, o alcalde trasladou a existencia dunha parcela cos características requiridas e o conselleiro comprometeu a próxima visita de técnicos do Sergas para avaliala e, se se considera viable, iniciar os trámites para a súa cesión á Xunta e que poida iniciarse a obra desta nova infraestrutura que vai mellorar a calidade da asistencia sanitaria en Pantón, resolvendo os problemas de accesibilidade e de funcionalidade do actual centro.
 
Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha (unha das cales é o Centro Integral de Saúde do barrio da Residencia, en Lugo). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Lugo, o Sergas ten previsto construír seis novos centros de saúde, nos concellos de Antas de Ulla (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e na cidade de Lugo (Sagrado Corazón), ademais de reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros tantos, como os de Foz, A Milagrosa (Lugo), Meira,  Outeiro de Rei, Foz, Ribas de Sil ou Praza do Ferrol (Lugo).

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde