NOVO EQUIPAMENTO ELECTROMÉDICO AVANZADO PARA A CARDIOLOXÍA E OFTALMOLOXÍA DE VALDEORRAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 12 2021

A plataforma de contratación  da Xunta de Galicia recolle hoxe, no perfil do contratante, a apertura da recepción de ofertas para adquisición de novo equipamento electromédico destinado ao Hospital Público de Valdeorras, por un importe de 163.955 euros que permitirán acceder a tecnoloxía punteira no eido diagnóstico.
 
Este importante investimento destinarase ao equipamento das consultas externas, agora mesmo en plena fase de reforma e ampliación. Dunha banda dotando a Oftalmoloxía cun Tomógrafo de Coherencia Óptica (OCT) e un Biométro, ademais dun ergómetro destinado a cardioloxía, complementando así a recente adquisición e instalación dun ecocardiografó doppler color, que permite realizar estas probas diagnósticas directamente en Valdeorras.
 
A  tomografía de coherencia óptica é un equipo de última xeración -orzamento de 102.850 euros-  esta técnica diagnóstica avanzada permite obter imaxes moi precisas dos ollos, de xeito non invasivo, xa que a OCT emprega ondas de luz,  posiblitando visibilizar planos transversais da retina, o que permite ao especialista ver cada unha das diferentes capas que forman a retina e medir o seu grosor.
 
Estes estudos son especialmente utiles para o diagnóstico e seguemento das enfermidades da retina, incluíndo a dexeneración macular relacionada coa idade  e a enfermidade ocular diabética ou retinose diabética. Cada vez máis habituais, ante o progresivo aumento da poboación de idade avanzada.
 
Para a realización destas probas os pacientes de Valdeorras debían ser derivados, polo que a dispoñibilidade destes equipos directamente no Barco ven reforzar o compromiso da Consellería de Sanidade co aumento da capacidade resolutiva e  autonomía asistencial do Hospital Público de Valdeorras.
 
Onte mesmo facíase pública a adxudicación dun ecógrafo portátil de última xeración, por un importe de 24.465 euros, para o servizo de urxencias que se instalará o vindeiro mes de xaneiro.
 
Todo este equipamento sumase ao novo ecocardiógrafo, que se ven de instalar, para realizar algunhas das probas cardiolóxicas que se indican aos pacientes oncolóxicos, ademais dun novo ecógrafo xinecolóxico, para a realización de estudos de mama, complementando as mamografías, ademáis doutras probas xinecolóxicas e tamén de seguemento do embarazo.
 
Este equipamento forma parte a súa vez dunha relevante dotación tecnolóxica do Hospital Público de Valdeorras, na liña de potenciar a sobrada capacidade resolutiva do seu persoal e autonomía, como o novo equipamento radio-cirúrxico, para uso intraoperatorio, instalado xa en quirófano. Igualmente, a Consellería de Sanidade adiantou a previsión de licitar un novo TAC, nos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2022.
 
Este será o ano tamén da esperada renovación e modernización de todas as camas do hospital, licitación que se efectuará antes do remate deste mesmo ano, co obxectivo de dispoñer do novo mobiliario a comenzos do ano que está as portas.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde