EXPOSICIÓN NO HOSPITAL DE DÍA DE PSIQUIATRÍA DO CHUF: OS LUGARES QUE OCUPAMOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 12 2021

​A exposición Os lugares que ocupamos pódese ver no andar 0 do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, onde está emprazado o Hospital de Día de Psiquiatría, que organizou esta actividade coordinada pola terapeuta ocupacional da Área, Nuria García, e a alumna de cuarto do Grao de Terapia ocupacional, Cristina Folgueira. A exposición é unha reflexión colectiva e está conformada por unha serie de fotografías elaboradas polos usuarios do Hospital de Día de Psiquiatría nun proceso de recuperación, e que emprega a técnica da Fotovoz, método de investigación cualitativa en ciencias sociais e de saúde para extraer narrativas comúns.

 
Durante case seis meses, tralo verán, foron facendo as distintas imaxes e textos das súas particulares contornas e lugares que ocupan, e, posteriormente, realizouse unha posta en común, categorización en sete grupos dos lugares, e agrupación de textos. Con este traballo, procúrase “entender dende ese momento vital, que significa ocupar un lugar, vivilo, recordalo, pasar temo nel e compartilo con alguén”. E engaden, “É básico pensar nunha cidade accesible e amable para as persoas que alí viven. Entendemos por accesibilidade, ter unha información achegada dos recursos para vivir no entorno, poder participar neles, e, á vez, diminuír as barreiras sociais en canto á enfermidade mental”, explican.

 
Relación co entorno e o lugar que ocupo

Así, fixeron fotos en distintos ámbitos e falaron sobre O Corpo, como “primeiro dos territorios e cascarón do ser”, mediante el pódense expresar cousas e sentir emocións. Do Fogar, “nel es inquilino e tes unha serie de obrigas co seu coidado” e ese coidado “axuda a estar activos”; é un fogar físico pero tamén un fogar social tamén coa familia ou os animais domésticos, reflicten. O Hospital de Día, “que representa o apoio profesional que me axuda a avanzar”, e onde coñecer compañeiros cos que ocupar outros espazos.

 
Xunto con isto, Os recordos, de lugares no que actúan distintas xeracións, ou dos espazos compartidos, entre outros. Outro dos grupos ou categorías é a Natureza, un lugar “onde me sinto ben”, onde ademais de facer exercicio, “cada paso invita a seguir adiante”. O Deporte, dende a súa práctica ata “os partidos ou as gradas”. E, por último, a Cidade, “o sitio onde vivo”, explican; ó ser cidadán “teño unha serie de obrigas” que traballan nas sesións.

 
“O obxectivo deste traballo, en definitiva, é romper barreiras e abrir a mente dos cidadáns de a pé”, resume a terapeuta ocupacional, Nuria García. “Tódalas persoas teñen dereito a participar do seu entorno, e, para iso, deben ter oportunidades. É tarefa de todos, cidadanía, concellos, e institucións, pensar e crear unha cidade accesible e diversa ocupacionalmente, como xeradora de saúde mental”, engade.


Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss