AS AMBULANCIAS DE SOPORTE VITAL AVANZADO DE ENFERMERÍA DO 061 DE GALICIA REALIZAN MÁIS DE 11.000 SERVIZOS NOS ÚLTIMOS DOUS ANOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 12 2021
 

Desde a posta en marcha das ambulancias asistenciais de Soporte Vital Avanzado de Enfermería (SVAE), en outubro de 2019, e ata o mes de decembro deste ano, asistiron un total de 11.184 servizos. No ano 2020 o número de servizos realizados foi de 4.876 e no ano 2021 aumentaron ata os 5.420, os restantes 888 son servizos do ano 2019. Isto supón unha media diaria de 13,4 servizos en 2020, que se incrementaron ata os 16,2 neste ano. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de conmemoración do segundo aniversario da posta en marcha destas ambulancias na nosa Comunidade Autónoma.

O titular da carteira sanitaria galega, quen estivo acompañado no acto polo xerente do Sergas, José Flores, e pola directora do 061 de Galicia, Adriana Regueira, subliñou o labor tan importante destes recursos asistenciais, que comezaron a prestar servizo nas cidades da Coruña, Pontevedra e Vigo en outubro de 2019, e, en Santiago, en decembro do mesmo ano. En total, son 24 profesionais que conforman estas catro bases.
 
Os estudos sobre a actividade desenvolvida polas ambulancias de SVAE amosan que se trata de recursos asistenciais con capacidade para resolver a práctica totalidade dos servizos, aos que son mobilizados desde a Central de Coordinación do 061, posto que  máis do 96% das asistencias foron resoltas desenvolvendo autonomamente as súas competencias profesionais, é dicir, sen a necesidade da mobilizar outros recursos asistenciais medicalizados como o médico de atención primaria ou a ambulancia de SVA medicalizada, -sinalou o conselleiro-.
 
Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, ademais, dos 11.184 servizos asistidos por estas ambulancias, 2.833 asistencias se resolveron no punto sen necesidade de trasladar e continuar a atención dos pacientes a un centro sanitario. No ano 2020, os servizos resoltos no punto da asistencia foron 1.250, e no ano 2021, esta cifra incrementouse ata 1.388. Con este dato amósase, -proseguiu o conselleiro-, a capacidade resolutiva destes recursos asistenciais que evitan derivacións innecesarias ata outros centros sanitarios e contribúen, deste xeito, a optimizar a ocupación dos servizos de urxencias hospitalarios.
 
No que se refire ás patoloxías máis asistidas por estes recursos asistenciais de soporte vital avanzado, desde a súa implementación ata decembro deste ano, foron a alteración da consciencia (2.084 asistencias), as caídas (1.641), os mareos (1.608), a sensación de falta de aire ou fatiga (1.238), a dor (1.007) e os accidentes de tráfico (611).
 
Estas ambulancias están coordinadas polo persoal facultativo da Central de Coordinación do 061 de Galicia, e permiten mellorar a calidade asistencial e os tempos de asistencia dos pacientes nos seus domicilios, optimizando os desprazamentos do persoal médico e de enfermería de atención primaria no seu traballo diario, e completando os horarios de asistencia en tempos óptimos nas zonas de núcleos poboacionais dispersos e pouco habitados.
 
Potenciación da enfermería de primaria
No marco do compromiso que ten a Xunta de reforzar ao máximo as competencias de todo o persoal de atencion primaria, e dun xeito particular do persoal de enfermería, o conselleiro sinalou que, nos próximos días, está prevista a implementación da adaptación da historia clínica informática as competencias profesionais do persoal de enfermería das ambulancias asistenciais, que repercutirá non só no desenvolvemento profesional destes profesionais, senón, tamén, nunha mellora da calidade asistencial aos pacientes.
 

Continuaremos potenciando á enfermería de atención primaria, -dixo García Comesaña-, co fin de que asuman competencias máis amplas, especialmente no referente á saúde comunitaria, na xestión da demanda e, por suposto, na atención aos pacientes crónicos, fráxiles e vulnerables. Ao respecto, o conselleiro destacou o papel tan decisivo que está a ter o persoal de enfermería de atención primaria na loita contra a covid.

O conselleiro de Sanidade rematou a súa intervención agradecendo a todos os profesionais do 061 o traballo que realizan todos os días do ano.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde