SANIDADE CREA O COMITE CLÍNICO DE CIRURXÍA ROBÓTICA PARA COORDINAR A UTILIZACIÓN DOS NOVOS ROBOTS DA VINCI COS QUE CONTA O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 12 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG), publica na súa edición de hoxe, a orde pola que se crea e regula o Comité Clínico de Cirurxía Robótica, que se encargará da coordinación e o seguimento dos novos robots Da Vinci, cos que conta o sistema sanitario público galego.
 
A recente adquisición por parte do Servizo Galego de Saúde de sete robots Da Vinci, emprazados en cada un dos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias, supón un fito importante para a organización sanitaria galega, ao dotar os centros da última tecnoloxía en robots cirúrxicos.
 
Así, a súa posta en marcha nos centros precisa da creación dun comité clínico  multidisciplinar que organice o seu funcionamento. A orde publicada hoxe regula a súa natureza xurídica e adscrición do Comité Clínico de Cirurxía Robótica, a súa composición e funcións, e as normas básicas de funcionamento.
 
O Comité estará integrado por 18 persoas, que se distribuirán nunha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría, e 15 vogalías. A presidencia do Comité recaerá no director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas.
 
Así mesmo, e ademais da vicepresidencia e a secretaría, os restantes membros que integrarán o Comité de serán dúas persoas da Dirección  Xeral de Asistencia Sanitaria; unha da Dirección  Xeral de Recursos Económicos; sete membros propostos por cada unha das xerencias das sete áreas sanitarias que teñan funcións de organización das cirurxías; catro representantes de cada área cirúrxica que realizarán a maior parte da actividade con robots --cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía--; e unha persoa de Enfermería da área designada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.
 
Entre as funcións do Comité Clínico de Cirurxía Robótica atoparanse: asesorar a dirección xeral competente do Sergas sobre a actividade asistencial vencellada á cirurxía robótica; propor criterios comúns para a elaboración de protocolos de actuación; propor as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade no uso dos robots; coñecer e emitir informes dos obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e de investigación do uso dos robots, así como calquera outra cuestión que afecte a prestación, promover estratexias formativas no uso destes equipamentos para os profesionais, propor e coordinar o sistema de información que permita o seguimento desta prestación, detectar as dificultades que puidesen xurdir na realización da actividade e resolver as dúbidas sobre a súa aplicación e interpretación e, finalmente, servir de canle permanente de colaboración, comunicación e información entre os distintos hospitais e outros axentes implicados na xestión da prestación.
 
Tecnoloxía punteira ao servizo da poboación galega
Os sistemas robóticos son aparellos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica. O aumento e a mellora da destreza permítenlle ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos. Todo iso proporciona unha considerable mellora na seguridade das intervencións por cirurxía laparoscópica.
 
A cirurxía robótica é o nivel máis avanzado da cirurxía minimamente invasiva e, polo tanto, como a evolución natural daqueles equipamentos cirúrxicos con ampla experiencia en cirurxía laparoscópica,  están baseados en dous conceptos: a realidade virtual e a cibernética.
 
A súa utilización achega beneficios a diferentes niveis, aos pacientes (maior seguridade, diminución da morbimortalidade, rápida recuperación), aos profesionais (maior precisión, fácil acceso, maior visualización, entre outros) e para a organización sanitaria (menor estadía hospitalaria, menos complicacións, maior atractivo para os profesionais).

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde