A XUNTA SUPERA OS 1,5 MILLÓNS DE EUROS INVESTIDOS NA FLOTA DE UNIDADES MÓBILES DE DOAZÓN DE SANGUE COA INCORPORACIÓN DUNHA NOVA EN OURENSE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 12 2021
 

“Para consolidar os resultados acadados nos últimos anos, e que sitúan a Galicia nos primeiros postos na doazón altruísta, a nivel nacional, a Axencia de doazón de órganos e sangue ten previsto continuar coa estratexia de mellora integral iniciada no ano 2016, que atinxe tanto aos laboratorios centrais como aos locais onde son atendidos os doadores, así como as unidades móbiles de doazón”. Asi o sinalou a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marísa López García, na súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia. Entre as melloras que anunciou a directora de ADOS están o compromiso nos orzamentos da Axencia de 360.000 euros para unha nova unidade móbil destinada a Ourense, superando así o millón e medio de euros de investimento para a renovación da flota destas unidades.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Marisa López dixo que tamén está contemplado, para o vindeiro ano, acometer reformas no acondicionamento do local de doazón do Hospital Nicolás Peña de Vigo, co obxecto de implantar melloras nos circuítos de traballo. Logo da ampliación do local de A Coruña, sito no complexo hospitalario da cidade herculina; da renovación integral do de Pontevedra, ubicado ao carón do Hospital Provincial, e da apertura do local de Santiago no Hospital Clínico, Marisa López anunciou que, o vindeiro ano, licitarase o novo local de Ourense, que contará cunha superficie de 90 metros cadrados, e que está incluído no plan funcional do plan director do complexo hospitalario desta cidade.
 
Marisa López, destacou que, ao redor do 15% das persoas que doan, o fan nos locais de doazón, onde é posible, ademais de doar sangue total, doar por aférese, ben plasma ou plaquetas, destacando a directora de ADOS o papel tan importante que realizaron estes espazos, permitindo a posta en marcha do Programa de obtención de plasma hiperinmune de paciente convaleciente de covid-19, e posibilitando que a nosa comunidade contase cun importante stock de seguridade.
 
Xunto ao anterior, no ano 2019, ADOS renovou integramente a flota de vehículos destinados á promoción da doazón, un total de oito, cun investimento de 165.000 euros.
 
Terceira posición no ranking nacional
Tal e como remarcou a directora de ADOS, os resultados obtidos o pasado ano, cunha pandemia por covid declarada, reflicten o compromiso da cidadanía galega, que permitiu acadar 104.637 doazóns, o que supón unha taxa de 39/1000 habitantes, e sitúan a Galicia en terceira posición no ranking nacional, catro puntos por riba da media española, nunha comunidade na que o 25% da poboación ten máis de 65 anos. Estas doazóns, -remarcou Marisa López-, permitiron dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados das necesidades dos centros hospitalarios en todo momento e de xeito ininterrompido.
 
Tal e como subliñou a directora de ADOS, entre os obxectivos estratéxicos de ADOS están garantir o abastecemento de sangue e os seus derivados; coordinar a doazón e os transplantes de órganos e o procesamento, almacenamento, distribución e implante de células e tecidos; e asumir a organización e garantir a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos, ben sexa para o seu uso clínico ou para investigación. Para estas actividades, a estrutura organizativa de ADOS componse dos laboratorios centrais, altamente especializados, sitos en Santiago; ademais de sete locais de doazón en cada un dos complexos hospitalarios, e dez unidades móbiles permanentemente operativas e dous de reserva para apoio técnico e actividades de promoción.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss