XUNTA E CONCELLO DE RIBADEO ANALIZAN POSIBLES PARCELAS PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 01 2022
 

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.

Na xuntanza, á que asistiron a directora Xeral de Recursos Económicos do Sergas, María Jesús Piñeiro, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, a Xunta e o Concello avaliaron distintas posibilidades de parcelas dentro do municipio para a construción do novo centro de saúde deste concello.
 
Este centro de saúde aparece recollido na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo tendo en conta que o actual centro de saúde, de 35 anos de antigüidade, presenta unha importante falta de espazos e de funcionalidade asistencial, dificultando o necesario crecemento dalgunhas áreas.
 
Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional  que contempla incrementar en 5 as consultas de adultos, crear unha consulta para o programa da muller, outra para o hixienista dental, salas de reanimación e de observación no PAC, a integración de espazos para o 061 e o aumento das superficies nas áreas fisioterapia ou radioloxía. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 2.500 metros cadrados de superficie, un aumento dun 30% respecto á superficie do actual centro.
 
Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan.  Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.
 
Unha vez respondida hoxe esa solicitude por parte do Concello de Ribadeo, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta avaliando as propostas entregadas polo Concello e, posteriormente, organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar a idoneidade daquelas que se consideren máis aptas e, no caso de confirmala nalgún caso, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo. 
 
Infraestruturas de Atención Primaria na provincia de Lugo
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 

En particular, na provincia de Lugo, a Xunta de Galicia puxo en marcha desde 2009 novos centros de saúde en Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao. Ademais, está xa en obras o novo Centro Integral de Saúde da cidade de Lugo. En canto á reforma de centros de saúde de titularidade municipal, acometéronse actuacións en colaboración cos concellos nos centros de Outeiro de Rei, Pantón, Xermade, Portomarín e Palas de Rei.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Lugo, o Sergas ten previsto construír seis novos centros de saúde, nos concellos de Antas de Ulla (cuxo proxecto de obra xa está adxudicado), Pantón, Ribadeo, Becerreá, Guntín e na cidade de Lugo (Sagrado Corazón), ademais de reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros tantos, como os de Foz, A Milagrosa (Lugo), Meira,  Outeiro de Rei, Foz, Ribas de Sil ou Praza do Ferrol (Lugo).

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde