A XUNTA DE GALICIA INVESTIRÁ MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE EUROS NA OBRA DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DA RÚA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
22 01 2022
 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de efectuar unha visita ao Concello da Rúa na que informou ao seu alcalde, Álvaro Fernández, e ao persoal do centro de saúde, dos avances nos trámites para a construción do novo centro de saúde desta localidade, un inmoble no que a Xunta de Galicia prevé investir máis de dous millóns de euros. Na visita, estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial; e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández Gil.
 
García Comesaña comunicou ao alcalde e ao persoal que, dados os importantes avances na adquisición e urbanización da parcela efectuados polo Concello de A Rúa coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta ten iniciado xa os trámites de contratación da infraestrutura.
 
Así, a finais de decembro o Sergas formalizou una encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas, habilitando a este organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a executar as actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo centro de saúde da Rúa.
 
Desde entón, a Axencia Galega de Infraestruturas avanzou na elaboración dos pregos administrativos de contratación do proxecto básico e de execución do centro de saúde, que se contratará conxuntamente co servizo de dirección da futura obra. Unha vez estes pregos reciban os informes preceptivos da asesoría xurídica e da intervención, ao longo das vindeiras semanas a Xunta poderá sacar a licitación este contrato cun orzamento de máis de 160.000 euros, abrindo un prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas en realizar unha proposta arquitectónica global do edificio e da urbanización da súa parcela.
 
O contrato esixirá que un equipo técnico formado, entre outras, por persoas especialistas en arquitectura, enxeñería industrial e estruturas realicen un deseño cun modelado en tres dimensións que permita diminuír o tempo e recursos e facer máis eficiente a xestión da construción. Este proxecto deberá axustarse ás características do centro proxectado, un inmoble de máis de 1.200 metros cadrados e cuxa obra deberá axustarse a un investimento de aproximadamente 2,15 millóns de euros.
 
Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria
Cómpre lembrar que o centro de saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.
 
Este documento definía a actuación en A Rúa como unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e presenza de barreiras arquitectónica no actual centro, e propoñía como alternativa un novo edificio cun Plan funcional integrado por tres consultas de medicina, tres de enfermaría, unha de pediatría, unha de enfermaría pediátrica, unha de odontoloxía, consulta de urxencias, consulta do programa da muller, sala de educación sanitaria, despacho de traballo social e unha sala polivalente, entre outros espazos.
 
Iso significa para a poboación da Rúa non só duplicar a superficie do actual centro de saúde, senón incorporar espazos que non existen agora, como as mencionadas consultas de enfermaría pediátrica ou do programa da muller, así como a sala de educación sanitaria ou o despacho de traballo social.
 
Ademais do centro de saúde da Rúa, a fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta, contempla tamén na provincia de Ourense un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense, cuxo proxecto construtivo vén de ser adxudicado.
 
Na fase 1 contémplanse novos centros en Muíños, Boborás e O Carballiño, mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.
 
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o da Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas da Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan xa adxudicadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.
 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse  centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde