CIRCULATION, UNHA DAS REVISTAS INTERNACIONAIS MÁIS PRESTIXIOSAS, DESTACA OS RESULTADOS DA E-CONSULTA CARDIOLÓXICA NA ÁREA SANITARIA COMPOSTELÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 01 2022

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022.- Circulation, unha das revistas de cardioloxía máis prestixiosas do mundo, destaca no seu número de xaneiro de 2022 os resultados do programa de consulta electrónica implantado na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Así, publica o estudo “Resultados a longo prazo dun programa de consulta electrónica universal no Servizo de Cardioloxía dunha área de saúde en Galicia” elaborado por profesionais de Atención Primaria e do Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria compostelá e mesmo lle dedica a editorial.

É a primeira vez que se analizan resultados en saúde a longo prazo dun modelo de asistencia baseado na consulta electrónica (e-consulta) como vía de derivación inicial de todos os pacientes para unha consulta no Servizo de Cardioloxía.
O máis novidoso desta análise é que, con este modelo, se reduce lixeiramente a tendencia previa de aumento de hospitalizacións de causa cardiovascular, demostrando que se ofrece unha atención segura para os pacientes. Así, entre as principais ventaxas amosa unha reducción no tempo de espera para unha consulta presencial cando esta é necesaria, e demostra que se mellora o acceso a unha valoración cardiolóxica, sobre todo para os pacientes máis afastados dos hospitais e tamén de idade máis avanzada.
O Servizo de Cardioloxía da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, desde o ano 2013, recibe todas as peticións para valoración ambulatoria a través dunha consulta electrónica (e-consulta) onde o médico de Atención Primaria expón o motivo de solicitude, achegando a información necesaria na historia clínica electrónica, compartida entre os diferentes niveis asistenciais.
Tras unha valoración dos datos achegados, o cardiólogo responde pola mesma vía, xestionando unha consulta presencial cando é necesaria ou, no resto dos casos, resolvendo a cuestión sen que o paciente teña que desprazarse ao hospital.
Nestes anos houbo un aumento da demanda de e-consultas, tamén favorecido pola pandemia; sobre todo de pacientes que viven máis afastados e de idade avanzada, que antes se remitían menos ao hospital. Neste momento, a e-consulta respóndese en 3 días como media, e cando se considera que o paciente debe ser atendido presencialmente, a consulta é no prazo aproximado de 8-10 días.
"A telemedicina xoga un papel na organización da crecente demanda de atención sanitaria, pero ata o de agora non se describiran resultados en saúde a longo prazo, tan só se coñecen datos de redución de lista de espera”, destaca a cardióloga Pilar Mazón, quen engade que a principal aportación deste este novo é “demostrar que mellora o acceso de todos os pacientes a unha atención cardiolóxica, principalmente os que viven máis afastados do hospital de referencia”. “Os resultados desta análise indican que este modelo de asistencia mellora a eficiencia do proceso de atención ambulatoria en Cardioloxía” conclúe a doutora Mazón.
Os autores do estudo son médicos de Atención Primaria e dos Servizos de Cardioloxía e de Epidemioloxía Clínica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, coordinados polo doutor José Ramón González Juanatey: Pilar Mazón, Sergio Cinza, Daniel Rey Aldana, Manuel Portela, Belen Alvarez-Alvarez, Rosa Agra-Bermejo; Pedro Rigueiro-Veloso; Jenifer Espasandín-Domínguez e Francisco Gude-Sampedro.

 





Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss