O SERVIZO DE DERMATOLOXÍA DE SANTIAGO ORGANIZA A XUNTANZA ANUAL DO GRUPO ESPAÑOL DE FOTOBIOLOXÍA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 02 2022

Santiago, 4 de febreiro de 2022.- Profesionais do Servicio de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza organizan a 36 xuntanza anual do Grupo Español de Fotobioloxía, que se celebra en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de Febreiro de 2022.

A xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez, inaugurou esta mañá o encontro xunto á responsable da unidade de Fotobioloxía da sanidade pública compostelá, Teresa Rodriguez Granados, organizadora do certame e Hugo Vázquez, xefe do Servizo de Dermatoloxía da área sanitaria de compostelá.
Segundo lembra a doutora Granados “a Fotodermatoloxía engloba todas as aplicacións da luz solar ou fontes de luz artificial e abrangue tanto ao diagnóstico de enfermidades inducidas pola exposición solar (fotodermatose) como o tratamento de moitos procesos dermatolóxicos susceptibles de ser tratados con radiación ultravioleta”.
Entre as fotodermatose máis coñecidas está a urticaria solar e as reaccións de fotosensibilidade por fármacos sistémicos e tópicos. Hai fotodermatoses que son específicas dunha idade determinada: unhas preséntanse na infancia como prurito actínico, erupción lumínica polimorfa, protoporfiria eritropoiética. Outras en vida adulta como as reaccións de fotosensibilidade por fármacos sistémicos e tópicos, erupción lumínica polimorfa, e a urticaria solar.
Nas persoas de idade moi avanzada as máis frecuentes son a dermatite actínica crónica ou as reaccións de fotosensibilidade sistémica por fármacos e a fotoalerxia de contacto por fármacos.
Na Unidade de Fotobioloxía compostelá, situada no hospital Gil Casares, lévanse a cabo os estudos fotobiolóxicos para o diagnóstico das enfermidades cutáneas inducidas por exposición solar e fontes de luz artificial, principalmente o fototest e o fotoparche, sendo a unidade compostelá referencia galega para o fototest (un sistema para medir a sensibilidade dun individuo ás radiacións ultravioletas. Consiste en expoñer unha zona de pel das costas a doses ben definidas de radiacións ultravioletas, mediante un aparello especial).
A proba do fotoparche é á máis indicada para estudar a causa de reaccións cutáneas fotoalérxicas (erupcións cutáneas localizadas polo xeral nas zonas expostas ao sol), cuxa aparición é consecuencia principalmente dunha reacción combinada do sol e un fármaco tanto vía oral ou aplicado tópicamente na pel. O fotoparche consiste na aplicación en forma de apósito da substancia ou substancias sospeitosa/s durante 48 horas, para logo expoñela a unha fonte de luz UVA. É unha técnica que se realiza desde hai anos no servizo compostelá, é segura e ben tolerada, que en moitas ocasións axuda diagnosticar estes cadros de fotosensibilidade.
A fototerapia utiliza a radiación ultravioleta para tratar múltiples patoloxías: linfomas cutáneos, prurito, psoriases, lique plano, granuloma anular, dermatite atópica, vitíligo... e fotodermatose. Hai dúas modalidades: fotoquimioterapia (PUVA: oral e tópica) e a UVB de banda estreita (UVBBE), fonte de luz ultravioleta.
Outro tratamento moi empregado neste ámbito e incluída na carteira de servizos da unidade é a fotodinámica, que consiste na combinación dun axente fotosensibilizante cunha fonte de luz para inducir dano tisular. As súas indicacións inclúen as queratose  actínicas, a enfermidade de Bowen (carcinoma de células escamosas intraepidérmico) e o carcinoma basocelular; así como en determinada patoloxía infecciosa. É unha técnica non invasiva, que ofrece altas taxas de eficacia, con bos resultados cosméticos, o que a fai relevante entre os tratamentos dermatolóxicos.
Grupo Español de Fotobioloxía
O Grupo Español de Fotobioloxía (GEF) é un grupo multidisciplinar constituído por dermatólogos, físicos, biólogos, químicos, e farmacéuticos que está adscrito á Academia Española de Dermatoloxía e Venereología (AEDV), fundado en 1988 co obxectivo de favorecer o intercambio de coñecementos científicos sobre os efectos das radiacións da luz solar na terra e o ser humano, e estudar os efectos das fontes de luz artificiais; avaliando os riscos por exposición a fontes luminosas.
 
 
 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss