O CLÍNICO APLICA POR PRIMEIRA VEZ A RADIORCIRURXÍA ESTEREOTÁXICA PARA TRATAR A NEURALXIA DO TRIXÉMINO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 03 2022

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022.- O Servizo de Oncoloxía Radioterápica da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza ven de coordinar a primeira Radiocirurxía Estereotáxica para tratar a neuralxia do trixémino, un trastorno doloroso severo e recorrente que repercute no nervio cranial afectando á sensibilidade da zona anterior da cara (na maioría dos casos, unilateral e habitualmente do lado dereito).

 

 
A técnica aplicouse por primeira vez e con éxito a un paciente varón de 63 anos no que non remitira a patoloxía con tratamentos farmacolóxicos nin cirúrxicos. O doente recibiu a alta médica o mesmo día da intervención, que durou 80 minutos e non precisou anestesia. A posta en marcha desta técnica realizouse grazas a un equipo interdisciplinar formado por, amais de oncólogos radioterápicos,  neurocirurxiáns, neuro-radiológos e radiofísicos.
 
Neuralxia do trixémino
 
A neuralxia do trixémino é considerada unha enfermidade rara (1-2 casos por cada 10.000 habitantes), máis habitual en mulleres que en homes. Segundo a doutora Concepción Victoria, do servizo de oncoloxía radioterápica compostelá “na maioría dos casos, non se coñece a causa orixinaria desta patoloxía. A resposta inicial ao tratamento farmacolóxico é boa, pero a medida que evoluciona, os  pacientes fanse resistentes aos fármacos co que pasan a ser candidatos a alternativas cirúrxicas. Aínda que estas técnicas tamén obteñen xeralmente bos resultados, existe unhas taxas de recorrencia significativa”.
 
A última opción de tratamento é a cirurxía estereotáxica, aclara a doutora, unha forma de radioterapia inicialmente desenvolvida para tratar pequenos tumores ou anomalías funcionais do cerebro nunha única sesión anque se imparte unha dose elevada de radiación.
 
A renovación tecnolóxica en oncoloxía radioterápica na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza permitiu a posta en marcha desta técnica que se realizou no acelerador liñal Truebeam (doado pola Fundación Amancio Ortega) de gran precisión mecánica e coa incorporación do sistema Exactrac que permite a ubicación espacial precisa da zona intracranial a irradiar no acelerador.
 
 

 

Saúdos,

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde