600 ESPECIALISTAS DE TODO O MUNDO CÍTANSE NO CONGRESO EUROPEO DE ECOGRAFÍA ENDOSCÓPICA QUE ORGANIZA O SERVIZO DE DIXESTIVO DA ÁREA SANITARIA COMPOSTELÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 03 2022

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022.-  Os días 3 e 4 de marzo terá lugar o  Congreso Europeo de Ecografía Endoscópica EuroEUS 2002 que se desenvolverá con formato híbrido, presencial e en streaming, no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Máis de 600 especialistas de todo o mundo reuniranse, xa sexa de maneira presencial ou virtual, nun congreso que, dirixido polo Servizo de Aparato Dixestivo da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, abordará exploracións endoscópicas en directo, os avances máis relevantes en ecografía endoscópica diagnóstica e terapéutica. A ecografía endoscópica é unha técnica que permite o estudo do esófago, o estómago e o intestino delgado, así como de órganos tan importantes como o páncreas, entre outros. De feito, o desenvolvemento desta técnica supuxo un dos maiores avances recentes no diagnóstico precoz e o tratamento das enfermidades do páncreas.

Os directores do congreso,  Julio Iglesias, xefe da Unidade de Endoscopias do CHUS, José Lariño, Daniel de la Iglesia e J. Enrique Domínguez Muñoz, xefe do Servizo de Aparato Dixestivo do CHUS, elaboraron un programa enormemente atractivo no que se conta coa participación de grandes expertos internacionais na materia. Ademais, transmitiranse ao salón de actos do Edificio Novoa Santos, sede do congreso, exploracións en directo dende  centros de enorme prestixio internacional, como o Orlando Health Digestive Health Institute Center for Advanced Endoscopy, Research & Education, dirixido polo Dr. Shyam Varadarajulu, o Chinese University of Hong Kong, dirixido polo Dr. Anthony Teoh, o Asian Institute of Gastroenterology de Hyderabad, dirixido polo dr. Sundeep Lakhtakia, e o Instituto Ecuatoriano de Enfermidades Dixestivas, dirixido polo Dr. Carlos Robles.

Desde a Unidade de Endoscopias do Hospital Clínico de Santiago realizaranse e transmitirase en directo máis de 20 exploracións ecoendoscópicas. A Unidade de Ecografía Endoscópica do Servizo de Aparato Dixestivo do Hospital Clínico de Santiago é unha das unidades de maior prestixio tanto nacional como internacional. Nela formáronse nos últimos 15 anos máis de 300 especialistas de todo o mundo, que realizaron estadías formativas no noso centro de entre un e doce meses. Ademais, o Servizo de Aparato Dixestivo do CHUS é pioneiro no desenvolvemento de técnicas de imaxe avanzada asociadas á ecografía endoscópica, que aumentan a eficacia diagnóstica da técnica, chegándose a considerar auténticas biopsias virtuais.
 
Saúdos

 

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss