DOUS ANOS DESPOIS DO PRIMEIRO HOSPITALIZADO POR COVID NO CLÍNICO, BAIXA A MENOS DO 1% OS PACIENTES CON CORONAVIRUS QUE REQUIREN INGRESO NA AREA SANTIARIA COMPOSTELÁ
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 03 2022

Santiago de Compostela, 11 marzo 2022.-  Dous anos despois do primeiro caso diagnosticado de infección por coronavirus no Hospital Clínico Universitario compostelá, a Área Sanitaria de Santiago e Barbanza leva detectados 81.204 casos positivos en SARS-CoV. Na primeira onda a porcentaxe de ingresos roldaba o 6%.  Arestora, e tras a campaña de vacinación masiva (1.111.197 vacinas administradas), baixa a menos do 1% os casos positivos que requiren hospitalización.

 
Os días que máis pacientes houbo ingresados nalgún dos centros da área  foron o 6 e o 13 de abril do ano 2020 datas nas que rexistraron 202 hospitalizados. O día 6, había 177 doentes en hospitalización convencional (incluídas o CHUS, a residencia Porta do Camiño, o hospital da Barbanza e a Rosaleda) e 25 nas unidades de críticos. O día 13 había 181 persoas en hospitalización convencional e 21 nas unidades de críticos (3 na Rosaleda)
 
Se tomamos como referencia a fecha na que máis ingresos houbo só no Hospital Clínico, coincide co 31 de xaneiro do 2021, na que había 200 pacientes hospitalizados. E o día con máis pacientes en Críticos do HCU foi o 3 de febreiro do pasado ano, con 47 doentes.
 
Casos positivos
 
O día que máis novos casos COVID se rexistraron na área foi o día 30 de decembro do 2021 cun total de 1.319 positivos. E a xornada co máximo número de persoas con coronavirus na área foi o 11 de xaneiro 2022 con 13.343.
 
O diagnóstico dun volume tan elevado de casos foi posible grazas ao traballo de todos os profesionais implicados na citación, realización de probas e na obtención do resultado das mesmas. Así, o laboratorio de microbioloxía que empezou a pandemia realizando unha media de 25 casos, chegou a facer máis de 4.500 PCRs nun só día (en concreto o día 28 de decembro do  2021). A robotización do servizo de microbioloxía, a contratación de máis persoal especializado e a experiencia que foron adquirindo os distintos profesionais, permitiu elevar o número de probas.
 
Hoxe mesmo, temos 3.268 positivos, deles 48 doentes en hospitalización e outros 9 en unidades de críticos.
 
A xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez quere aproveitar a ocasión para destacar “a implicación e o esforzo de todos os profesionais que traballaron arreo durante estes dous anos” ao tempo que mostra “un profundo agradecemento e orgullo por formar parte desta área sanitaria”. 
 
Vacinación no Hospital Clínico de Santiago a partir do luns 14 de marzo
 
O punto de vacinación na sala Eisenman da Cidade da Cultura finaliza a súa actividade o domingo día 13 de marzo.  A partir do luns 14 as vacinacións pendentes como repescas, nenos que van cumprindo as idades indicadas, persoas que superen os tempos post covid ... serán citados na sala de toma de mostras do Hospital Clínico, no andar -3. De luns a venres de 11.30 a 14.30 e os sábados e domingos de 9.00 a 14.30 a sala tamén se habilita para acceso libre e para auto cita.

Saúdos,

 
 
 
 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss