NEUROLOXÍA E A ASOCIACIÓN PARKINSON FERROL PARTICIPAN NUNHA XORNADA NO CHUF
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 04 2022

​As XX Xornadas de Párkinson reúnen esta tarde a pacientes e profesionais no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Esta xornada anual, que se retoma tralos dous anos de pandemia, é unha colaboración habitual coa Asociación Párkinson Ferrol na que participan diversos profesionais da área, facultativos e de Enfermería, e abordan as cuestións que máis preocupan ós e ás pacientes. Este ano a Asociación estableceu como eixe temático os distintos tratamentos nas distintas fases da enfermidade.

 

 
Disto falaralles, o neurólogo do CHUF, Ángel Aneiros Díaz; e a enfermeira, Teresa de Deus Fonticoba, indicaralles como preparar a entrevista co neurólogo. “Falaremos das distintas fases da enfermidade e da interacción cos medicamentos. Trátase de aprender a distinguir o que se coñecen como flutuacións, e cando estas son propias da evolución da enfermidade, e cando poden ter que ver con outros elementos como os propios medicamentos e a súa modulación”, explica este especialista en Neuroloxía. “Agora temos un arsenal de fármacos que hai dúas décadas non tiñamos, o que leva a que os pacientes teñan mellor calidade de vida, e teña cambiado o prognóstico. Pero o máis importante é o acompañamento do paciente en tódalas súas fases”, continúa.

 

 
Este profesional subliña “o importante papel da Enfermería”. Ese traballo en equipo reflíctese no mesmo feito de que a enfermeira Teresa de Deus abordará cos asistentes neste encontro como preparar a entrevista co neurólogo, aspecto que xa da conta da importancia da interacción de ámbolos dous profesionais na consulta Monográfica que existe para esta patoloxía.

 

 
Consulta monográfica

 

A Área Sanitaria de Ferrol conta cunha consulta específica sobre Párkinson no Hospital Naval do Complexo, na que o 80% dos casos son párkinson pero na que tamén se ven outro tipo de trastornos do movemento. Nesta consulta monográfica de Párkinson, valóranse en torno a 90 pacientes ó mes. A enfermidade de Párkinson é un trastorno neurodexenerativo e crónico que conduce co tempo a unha incapacidade progresiva. É producido a consecuencia da destrución, por causas descoñecidas, das neuronas pigmentadas da substancia negra do cerebro.

 

 
A enfermidade de Párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa en España por número de habitantes. É a segunda máis frecuente despois da enfermidade do Alzheimer. Soe debutar a partir da sexta década; afecta a ámbolos dous xéneros; e non só cursa con síntomas motores. En ocasión, asóciase á demencia. Na actualidade, non se coñece o axente etiolóxico, e non se dispón de tratamento curativo, pero cada vez existen máis tratamentos sintomáticos dispoñibles.

 

 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde