O SERGAS PUBLICA O LUGAR, A DATA E A HORA DOS EXERCICIOS DA OPOSICIÓN PARA O INGRESO EN DIVERSAS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
26 04 2022

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o lugar, a data e a hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o acceso ás categorías de calefactor, cociñeiro, condutor, electricista, lavandeiro, logopeda, mecánico, pasador de ferro, técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, pinche, telefonista, terapeuta ocupacional e traballador social previstos para os días  7, 8, 14 e 15 de maio próximos.

O número total de persoas aspirantes admitidas nestas probas é de 12.279. Máis dun 7% das persoas aspirantes inscritas acceden pola quenda de discapacidade e preto dun 2% pola quenda de promoción interna.

Todas as probas selectivas desenvolveranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra).

Así, o sábado 7 de maio, ás 9:30 horas, están convocadas 347 persoas aspirantes da categoría de condutor para 12 prazas ofertadas. O mesmo sábado 7 de maio, ás 16:00 horas, están convocados 4.763 aspirantes da categoría de pinche, para cubrir un total de 239 prazas.

O domingo 8 de maio na quenda de mañá, ás 9:30 horas, están convocados 1.602 aspirantes para un total de 91 prazas ofertadas, desagregadas nas categorías de calefactor (37), logopeda (4), técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información (4) e traballador social (46).

Ás 16:00 horas dese mesmo día están convocados 928 aspirantes das categorías de técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e lavandeiro, para cubrir 8 e 39 prazas respectivamente.

O sábado 14 de maio na xornada de mañá, ás 9:30 horas, examinaranse 1.123 aspirantes para un total de 54 prazas desagregadas nas categorías de cociñeiro (24), mecánico (19) e terapeuta ocupacional (11); na quenda de tarde, a partir das 16:00 horas, están convocados 1.564 aspirantes da categoría de telefonista para 33 prazas ofertadas.

Finalmente, o domingo 15 de maio, na quenda de maña, no mesmo horario que en datas anteriores, están convocados 786 aspirantes da categoría de electricista para cubrir un total de 38 prazas. Na quenda de tarde, 16:00 horas, están convocadas 856 persoas aspirantes das categorías de pasador de ferro (45 prazas) e técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información (12 prazas).

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.

Estas probas súmanse aos procesos selectivos xa iniciados a fin de semana pasada para o acceso ás categorías de persoal de costura, fontaneiro, facultativo de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, así como para o acceso á 49 prazas de pinche e técnico en farmacia, reservadas para o seu acceso por persoas con discapacidade intelectual, e que permitirán, logo do seu desenvolvemento, a cobertura dun total de 680 prazas correspondentes a 24 categorías de persoal estatutario.

Medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento das probas
Debido ao contexto sanitario actual derivado da pandemia, elaborouse un protocolo de medidas de seguridade e organizativas no desenvolvemento dos procesos selectivos do Sergas, que contén as medidas preventivas e os medios necesarios para protexer a seguridade e saúde das persoas implicadas en tales procesos.
 

Entre outras, e tras a recente normativa aprobada polo Goberno, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomenda ás persoas aspirantes e persoal da organización que intervén nestas probas a prudencia e o uso da máscara, especialmente nas entradas e saídas ao recinto, cando se estea en movemento, cando non se poida garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros de distancia e de forma constante para os aspirantes e persoal da organización que sexan sospeitosos e confirmados de covid-19 e contactos estreitos de casos. Do mesmo xeito, o uso da máscara de forma constante polos grupos vulnerables de aspirantes (persoas de 60 anos ou máis, persoas con condicións de alto risco e mulleres embarazadas).

Como medidas organizativas, cómpre destacar a supresión do chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas; a acreditacion para o acceso efectuarase a través de código QR; e cada aspirante terá asignado un número de posto de exame que deberá ocupar para a realización das probas. Ademais, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame. En definitiva, medidas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

As persoas convocadas teñen dispoñible desde hoxe en Fides, no apartado relativo á súa inscrición na OPE, un código QR coa información do lugar, data e hora de realización das probas, así como a porta de acceso e o número de posto de exame (mesa) a ocupar. O aspirante debe imprimir este código, que deberá levar consigo na data de exame xunto co seu DNI.

Non estará permitido o acceso das persoas aspirantes ao interior do recinto de realización das probas con teléfono móbil nin ningún outro dispositivo electrónico ou soporte con memoria.

Seguridade no proceso
Como en anteriores procesos selectivos, empréganse mecanismos tendentes a dotar dunha maior seguridade ao proceso nas súas diversas fases, entre as que cómpre destacar a posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss