SANIDADE IMPLANTARÁ PROTOCOLOS ESPECÍFICOS PARA POTENCIAR A RESOLUCIÓN DO PERSOAL DE ENFERMARÍA DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
02 05 2022

 
A Consellería de Sanidade segue a desenvolver o proxecto XIDE, destinado principalmente a regular a accesibilidade da poboación aos servizos de atención primaria a través da consulta a demanda, neste caso co inicio dos traballos para a redacción dos “protocolos de enfermaría de práctica avanzada”.
 
Esta iniciativa responde ao recollido tanto no Plan galego de atención primaria, na estratexia vertebradora da atención primaria no sistema sanitario, como máis recentemente, no Plan de acción de atención primaria e comunitaria 2022-2023,   aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Estes tres documentos, que marcan a folla de ruta do novo modelo de atención primaria que se está implementar en Galicia, inciden na necesidade de potenciar o traballo en equipo de todos os profesionais á vez que se fomenta a promoción da competencia profesional de todas as categorías profesionais de atención primaria.
 
O marcado carácter técnico dos protocolos de enfermaría de práctica avanzada,   permitirán que o persoal de enfermaría de atención primaria poida resolver os problemas de saúde agudos expresados pola poboación dunha forma más áxil e segura. Estes novos protocolos tamén definirán determinadas situacións clínicas que precisarán unha valoración médica para poder rematar a asistencia ao paciente. 
 
A implantación deste protocolo virá acompañada dunha formación que permitirá ao persoal de enfermaría dos centros de saúde de Galicia poder executalos coa máxima calidade asistencial, o que redundará nunhas consultas de enfermaría máis resolutivas nun contexto de traballo en equipo que contribúa a garantir unha resposta asistencial adecuada en tempo e forma aos problemas de saúde ou necesidades expresadas pola cidadanía.
 
Grupo de traballo específicos que coordinará todo o proceso
O pasado 25 de abril, a Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria celebrou a primeira reunión despois de constituír o grupo de traballo formado por 20 profesionais de enfermaría e medicina de familia, propostos tanto polas Xerencias das Áreas Sanitarias como polas Sociedades Científicas AGAMFEC, SEMERGEN, SEMG e AGEFEC.
 
Coa constitución deste grupo de traballo, a Consellería de Sanidade busca promover foros de debate e encontro que propicien os pactos interprofesionais previos á implantación definitiva dos protocolos de enfermaría avanzada contemplados no proxecto XIDE.
 

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss