FOTOGRAFÍAS DOS PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL, UN VIDEO DE ALUMNAS EN FORMACIÓN E OS DEBUXOS DOS NENOS HOSPITALIZADOS RECORDAN O DÍA MUNDIAL DA HIXIENE DE MANS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 05 2022

A Área Sanitaria de Ferrol súmase un ano máis á conmemoración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que se celebra hoxe 5 de maio, e realiza diversas actividades. O lema deste ano é: Únete á seguridade da atención sanitaria. Limpa as mans, xa que en tan só 30 segundos lóitase contra os microorganismos máis habituais. Como novidade este ano, e contando coa colaboración da Asociación ADESCAFE, as e os profesionais de diversos departamentos, sanitarios e non sanitarios, da Área Sanitaria de Ferrol realizaron fotografías remarcando a importancia da hixiene de mans e recordando os momentos destinados a intensificar o lavado de mans habitual.

Estes cinco momentos son antes do contacto co paciente, antes de realizar unha tarefa limpa ou aséptica; despois do risco de exposición a fluídos orgánicos; despois do contacto co paciente; e despois do contacto co entorno do paciente. As fotografías estarán expostas nas entradas principais do Hospital Arquitecto Marcide e do Hospital Naval e poderán visualizarse na intranet da Área Sanitaria de Ferrol.

Todos os anos distribúese material relacionado con este día e ofrécese información ao respecto. No contexto actual provocado pola aparición da covid, o Día mundial da hixiene de mans volve ser máis mundial que nunca, e o sinxelo acto de lavar as mans con auga e xabón ou cunha solución hidroalcohólica convértese no método máis sinxelo, fundamental e universal para salvar vidas.

A Área sanitaria ferrolá sempre incide na importancia da hixiene de mans para evitar infeccións, e esta mañá, outra das actividades promovidas en colaboración co Servizo de Pediatría e coa Aula Hospitalaria foi a exposición dos debuxos realizados polas nenas e nenos que estiveron hospitalizados.

Ademais, emitiuse información dende a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía, Medicina Preventiva e Esterilización; visualizouse un video realizado coa participación das alumnas do Instituto CIFP LEIXA de Ferrol  nas pantallas de quendas dos centros sanitarios; e enviouse material divulgativo en formato electrónico a asociacións de pacientes e centros sociosanitarios. O obxectivo único neste día é o de concienciar sobre a importancia da hixiene de mans como barreira para a transmisión de bacterias, infeccións, en definitiva, enfermidade. A realidade actual pon de relevo esa importancia.

A Hixiene de mans no ámbito sanitario
Os profesionais sanitarios están activamente comprometidos xa durante todo o ano en evitar infeccións ou dano, e realizan unha axeitada hixiene das mans nos cinco momentos recomendados durante a asistencia, xa mencionados, e que tamén figuran no cartel deseñado pola Unidade de Calidade para esta ocasión, situado no fondo de pantalla dos ordenadores de todos os traballadores e traballadoras da Área Sanitaria.
 
Enténdese por hixiene de mans un proceso que ten coma obxectivo reducir o número de microorganismos que hai na pel das mans. Cando o procedemento se realiza con auga e xabón, denomínase lavado de mans; e cando se realiza a base dun preparado de base alcohólica ou con xabón antiséptico, denomínase desinfección das mans.
 
Neste día sempre se destaca que “a hixiene de mans é a medida máis sinxela e eficaz que se pode realizar para reducir a transmisión das infeccións relacionadas coa atención sanitaria; e para evitar a propagación das infeccións que se transmiten a través do contacto”. Hoxe pódese enfatizar máis que nunca: Limpa as mans.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde