A XUNTA INICIA O PROCESO PARA CONSTRUÍR EN GUNTÍN UN NOVO CENTRO DE SAÚDE QUE TRIPLICARÁ A SUPERFICIE DO ACTUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 05 2022

O xerente da área sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, acompañado da alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez, supervisaron onte a visita que o persoal técnico do Servizo Galego de Saúde fixo ás parcelas propostas polo concello para a construción do novo centro de saúde de Guntín. Desta forma, Sergas e Concello inician o proceso para dotar a Guntín dun novo centro sanitario, máis amplo, moderno e funcional que o actual.

O novo centro de saúde de Guntín aparece recollido na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado pola Xunta de Galicia o pasado mes de outubro. O goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Guntín, tendo en conta que o actual centro sanitario do municipio, de trinta anos de antigüidade, presenta deficiencias estruturais e instalacións obsoletas e pouco funcionais que dificultan unha atención de calidade.
 
Para substituilo, o documento estratéxico propón un novo centro médico cun plan funcional que contempla dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermaría, unha sala polivalente, unha sala de mostras, unha sala de técnicas, unha consulta de pediatría e unha consulta de enfermaría pediátrica, sala de docencia, entre outras dependencias. 
 
No PAC contará cunha sala de observación, un box de críticos, unha consulta de medicina e unha de enfermaría.  Tamén disporá de espazo para ambulancia localizada, tres dormitorios e zona de estar, ademais de aseos, sala de oficios e almacéns.  En consecuencia, o plan funcional prevé que o novo centro de saúde, con case 1.144 metros cadrados, triplique en superficie ao actual, que conta con 370 metros cadrados.
 
Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos,  de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.
 
Para facilitar a localización das parcelas, o conselleiro indicou a cada concello os requisitos para as dimensións do centro proxectado, que no caso de Guntín concretábanse na necesidade da cesión dunha parcela cunha edificabilidade de 1.143,8 metros cadrados.
 
Unha vez respondida esa solicitude por parte do Concello coa oferta dunha parcela, a Consellería de Sanidade deu inmediata resposta organizando esta visita técnica aos terreos, para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar o convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta de Galicia do proxecto construtivo.
 
Infraestruturas de atención primaria en Lugo
O Plan de Infraestruturas de Atención Primaria propón para a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos a construción de seis novos centros de saúde e seis reformas ou ampliacións.
 
Así, a fase 0 do Plan contempla a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, do que está aprobado xa o proxecto arquitectónico e cuxa obra será encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
 
Na fase 1 contémplanse novos centros de saúde en Pantón, Ribadeo e no barrio do Sagrado Corazón en Lugo, así como a reforma dos centros de saúde de A Milagrosa en Lugo (cuxa redacción de proxecto xa foi encomendada á AXI) e as reformas e ampliación dos de Meira (para a que se está a tramitar xa un convenio co concello) e de Outeiro de Rei (para o que xa se asinou un protocolo).
 
Na fase 2 proxéctanse a construción de novos, ademais de en Guntín, en Becerreá, así como as reformas dos de Foz, Ribas de Sil e do da Praza do Ferrol, en Lugo.
 
Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de Atención Primaria.
 
En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde, como o de Carballedo, Sarria, Monterroso e O Saviñao.
 
Nesta mesma liña, a través do cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Palas de Rei, Outeiro de Rei, Pantón, Xermade ou Portomarín.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde