O Sergas xa anunciou a licitación da obra de reforma para a nova Unidade de Necropsias do hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 298.561,50 euros .
O obxectivo é que os profesionais de Anatomía Patolóxica poidan practicar en Vigo necropsias de nivel de bioseguridade 3, o máximo nivel de protección para o seu traballo, garantindo a súa seguridade fronte a axentes infecciosos.
A obra consiste basicamente en potenciar a presión negativa da sala de Autopsias, e dotar a área dunha esclusa con dobre circuíto de acceso, de entrada e saída.
Cinco novas Unidades
Tal e como informara o Consello da Xunta, esa obra enmárcase nos 5.7 millóns de euros que este ano vanse investir no hospital Álvaro Cunqueiro para dotalo de novos espazos e equipamento, xa que o Executivo galego considera que, unha vez consolidado este hospital, é o momento de afrontar actuacións para reforzar a súa funcionalidade.
Así, executaranse obras por 2,6 millóns de euros que mellorarán a atención en áreas como a saúde mental, a cardioloxía, a anatomía patolóxica, a hospitalización a domicilio e as enfermidades raras.
En concreto, procederase á habilitación de espazos para cinco Unidades novas. Ademais da nova Sala de Necropsias, investirase preto dun millón de euros para a Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, da que xa está adxudicado o proxecto e que está previsto licitar a obra neste mes de maio.
Para a novo espazo da Unidade de Enfermidades Raras, vanse investir máis de 150.000 euros, estando xa adxudicado o proxecto e prevista a licitación da obra nas próximas semanas
.
No que atinxe a outra das novas unidades, en concreto, á de Rehabilitación Cardíaca, se destinará 530.000 euros. Xa está licitado o proxecto e a obra licitarase á volta do verán, co obxectivo de crear unha área que axude a mellorar a calidade de vida dos pacientes da área de Vigo, que se recuperan dun ingreso ou dunha intervención cardíaca, controlando os seus factores de risco, reducindo os reingresos e facilitando asúa reincorporación laboral.
Por último, a nova Unidade de Hospitalización a Domicilio contará cun orzamento demáis de 500.000 euros. Está pendente de licitarse o proxecto e a previsión é licitar aobra antes de rematar o ano.
Novo equipamento
Ademais, os orzamentos da Xunta de 2022 recollen outra partida de 3,1 millóns, que se utilizará para a compra de equipamento destinado á nova sala de intervencionismo en endoscopia avanzada do Servizo de Dixestivo, e para equipar o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial.
Tamén adquiriranse aparataxe para outros servizos como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica e un equipo de urodinamia para o Servizo de Uroloxía.
13 millóns para a mellora do diagnóstico por imaxe na área de Vigo
Finalmente, os orzamentos da Xunta de Galicia, a través dos Fondos Next Generation para este ano, contemplan a renovación dos equipos de diagnóstico por imaxe. En concreto, vanse renovar cinco TAC, tres gammacámaras, dúas salas de hemodinámica, dúas resonancias magnéticas, un equipo de anxiografía vascular e un PET.
Estas renovacións suporán un investimento total de máis de 13 millóns de euros, dos cales os fondos Next Generation distribuídos polo Ministerio financian dez. Os tres millóns restantes corresponden a fondos autonómicos cos que a Xunta complementa a achega estatal para optar por equipamentos de máis alta gama, como un TAC espectral, unhas resonancias magnéticas máis avanzadas e un PET de altas prestacións.