O SERGAS INCORPORA 28 FARMACEUTICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA DURANTE O MES MAIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 05 2022
O Servizo  Galego de Saúde incorporará, durante o presente mes de maio, a 28 novos farmacéuticos no nivel asistencial de atención primaria. As incorporacións lévanse a cabo de xeito progresivo e, engádense aos 72 profesionais que xa desempeñan o seu labor nos centros de saúde do Sergas.
 
Con esta medida, a Xunta de Galicia mantén o obxectivo de ofrecer unha atención farmacéutica de maior calidade e equidade, potenciando a capacidade desta categoría profesional, ata acadar as 100 prazas. 
 
De acordo a criterios poboacionais, as 28 novas prazas de persoal farmacéutico para a atención primaria destínanse: a área sanitaria de Santiago e Barbanza (8); a área sanitaria de Vigo (7); a área de Pontevedra e O Salnés (6); a área sanitaria de Ferrol (1); e a área sanitaria da Coruña e Cee (6).
 
A comunidade galega foi pioneira no enfoque asistencial da figura do farmacéutico de atención primaria incorporándoo ao equipo multidisciplinar dos centros de saúde. Así, a vertente clínica asistencial no Servizo Galego de Saúde, con presenza nos centros, é actualmente un modelo para seguir para o resto de comunidades.
 
A figura do Farmacéutico de Atención Primaria (FAP) xorde no Sistema Nacional de Saúde nos anos 80. O seu papel e responsabilidades nas distintas comunidades autónomas foron evolucionando ao longo destes anos, Con todo, a súa actividade principal céntrase en mellorar a seguridade, efectividade e eficiencia do uso de medicamentos e produtos sanitarios a nivel individual e poboacional.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde