A XUNTA PUBLICA A LICITACIÓN DE NOVO EQUIPAMENTO PARA O LABORATORIO DE SAÚDE PÚBLICA DE GALICIA POR UN IMPORTE DE 72.000 EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 05 2022

​A Xunta de Galicia vén de publicar no perfil do contratante un anuncio da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas, pola que se licita o subministro dun termociclador e un extractor de ácidos nucleicos para a área de microbioloxía do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, por un importe de 72.479 euros. O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é a unidade provedora das determinacións analíticas derivadas dos programas de vixilancia e control oficial que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade no ámbito da protección da saúde, tanto no caso da seguridade alimentaria como da sanidade ambiental.

Na área de Microbioloxía do laboratorio algúns das análises realízanse mediante a técnica de PCR en tempo real. Na actualidade, é necesario incorporar ao Laboratorio de Saúde Pública de Galicia equipamento que integre a enorme evolución que experimentou a técnica da PCR nestes últimos anos. 

Cabe destacar que, con esta licitación de equipamento para a área de Microbioloxía do Laboratorio, comeza a facerse realidade unha serie de investimentos no mesmo, anunciados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que van levar a modernizar e renovar o equipamento de alta tecnoloxía por un valor de 660.000 euros, grazas aos fondos REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid.

Deste xeito, en próximas datas, vaise licitar un equipo de cromatografía de líquidos de alta resolución acoplado a un sistema de masas/masas tipo triplo cuadrupolo, un cromatógrafo de gases con detección por espectometría de masas de triplo cuadrupolo, un equipo de espectrometría de masas con plasma de acoplamiento inductivo ou un equipo de cromatografía de líquidos de alta resolución con dobre detección fluorescencia e diodo array.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss