O CONSELLEIRO DE SANIDAD VISITA AS OBRAS DE MELLORA REALIZADAS NO CENTRO DE SAÚDE DE RAIRIZ DE VEIGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
21 05 2022
 

O conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, acompañado da alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade; do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, vén de supervisar o resultado das obras de reforma acometidas o ano pasado no centro de saúde de Rairiz de Veiga, froito dun convenio de colaboración entre Xunta e goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

A actuación foi acordada nunha audiencia que a alcaldesa mantivo en novembro de 2020 co entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A partir dese compromiso, o concello comezou a tramitar as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras e a súa licitación mentres a Consellería de Sanidade tramitaba un convenio para colaborar co seu financiamento, que foi asinado en marzo de 2021 cun orzamento de máis de 37.000 euros. 

As obras consistiron na reparación da cuberta, levantando a vella, cun importante deterioro na meirande parte das tellas e executando a súa substitución por novas tellas cerámicas, ademais de reparar o sistema de canalóns, procedendo tamén á súa limpeza e á revisión das conexións coas baixantes de pluviais.

O conselleiro lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de Rairiz de Veiga nos últimos anos pois, froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un novo electrocardiógrafo.

Ademais, o Concello de Rairiz de Veiga recibe anualmente máis de 9.600 euros da Xunta para afrontar os gastos de mantemento deste centro desde que no 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, comezou a incluír a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.  

No orzamento para 2022, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e  incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-.  Así, desde o 2017 a Xunta de Galicia ten destinado 10,7 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as cinco que están en marcha (CIS de Lugo, CIS de Lalín, Reformas en Arnoia e Ribadavia e a Ampliación do CS de Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse  centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde