EN 2021 MÁIS DE DOUSCENTOS OURENSANS ACCEDERON Á VÍA RÁPIDA DE MELANOMA E 49 FORON DIAGNOSTICADOS DE CANCRO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
23 05 2022

Unha lesión na pel, sospeitosa de ser un melanoma, motivou a apertura dunha vía rápida por parte dos médicos e médicas de Atención Primaria de 203 persoas da nosa Área Sanitaria que, grazas a este circuíto rápido, foron diagnosticados en menos de 9 días, para a maioría un alivio e para 49 deles unha cita para pasar por quirófano, nunha media de vinte días, tras ampliar os estudos e decidir a mellor abordaxe cirúrxica de cada caso.

No Día Mundial do Melanoma é preciso continuar alertando á poboación dos riscos da exposición ao sol, principal factor de risco desta patoloxía oncolóxica da pel, e da sua necesaria colaboración na detección precoz, consultando co seu médico de cabeceira calquera lunar ou lesión na pel “sospeitosa”, na procura de limitar ao mínimo os seus graves efectos sobre a saúde.

A vía rápida para o diagnóstico e tratamento precoz do Melanoma é un circuito asistencial que ten por obxectivo captar e diagnosticar os posibles casos, ou sospeitas, deste cancro da pel, nun tempo máximo de 15 días, na procura de detectar esta enfermidade nos seus estadíos iniciais, o que aumenta as súas probabilidades de plena curación. Grazas a esta vía, en Ourense a primeira consulta especializada produciuse antes de tres días, en 2021.

Trátase de aumentar a detección precoz e as posibilidades de curación, xa que pese a que o Melanoma ten unha incidencia poboacional crecente, con máis de 15 casos por cada 100.000 habitantes, a moda de “lucir moreno” todo o ano, os raios UV, a frecuencia das queimaduras solares na infancia, dos que hoxe teñen entre 40 e 60 anos, o aumento das horas de exposición e a deficiente protección da pel cun adecuado filtro solar fai que as cifras aumenten progresivamente. Afortunadamente, pese a este aumento, a mortalidade está a descender precisamente grazas ao diagnóstico nun estadío inicial, o que aumenta as posibilidades de supervivencia ata o 90%.

Pioneiros e papel clave da Primaria

Ourense foi unha das primeiras provincias onde se puxo en marcha este circuito rápido, nos tres distritos sanitarios de Ourense, Verín e Valdeorras, xa a finais de 2013, grazas a colaboración dos servizos de Dermatoloxía, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Atención Primaria, Radiodiagnóstico, Medicina Nuclear e Oncoloxía, un equipo multidisciplinar responsable da súa detección, diagnóstico e tratamento.

Aquí partiamos coa ventaxe da pronta implantación da Teledermatoloxía en Atención Primaria, sendo ademais pioneiros a nivel Galicia, desde o ano 2000, na biopsia do Ganglio Centinela

Trala súa pilotaxe en Ourense, no Centro de Saúde Valle Inclán,  en 2019 aumentáronse os dermatoscopios en Atención Primaria, ata chegar a dez,  para dar cobertura a todos os centros de saúde cun criterio comarcal. Esta proba permite analizar a estrutura cutánea profunda, esencial para o diagnóstico das lesións ou tumores da pel.   

Esta técnica diagnóstica, amplamente estendida en Dermatoloxía, é de gran utilidade para o manexo diagnóstico das lesións hiperpigmentadas, moi frecuentes no ancian, e especialmente, para o diagnóstico precoz do melanoma maligno.

 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde